O Consello Interterritorial desbota adiar a segunda dose das vacinas

Longas colas para acceder ao punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela, nesta terza feira (Foto: Arxina).
As e os responsábeis de Sanidade dos diferentes territorios do Estado rexeitaron nesta terza feira, na xuntanza do Consello Interterritorial presidida polo Ministerio de Sanidade, espazar a administración da segunda dose das vacinas de Pfizer e Moderna alén do indicado en cadanseu prospecto. Seguirá administrándose, polo tanto, 21 e 28 días despois da primeira, respectivamente. A Xunta esgrimiu un informe do Sergas sobre a eficacia dos prazos actuais.

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, reunido de urxencia, debateu nesta terza feira a posibilidade de espazar a administración da segunda dose de Pfizer e Moderna máis aló do indicado na ficha técnica de ambas as vacinas, 21 e 28 días respectivamente, estabelecendo un novo intervalo de entre seis e oito semanas para a poboación con idades comprendidas entre os 60 e os 79 anos.

O obxectivo desta proposta era axilizar a campaña de vacinación e inocular coa primeira dose o maior número posíbel de persoas a fin de obter, cando menos, unha maior protección "parcial" entre os grupos máis vulnerábeis. "A resposta inmune vai madurando desde o momento da recepción da primeira dose e, se se lle dá tempo para elo, obterase unha resposta 'booster' de memoria (reforzo adicional) tras a administración da segunda. Se, pola contra, esta segunda dose se administra precozmente, a resposta inmune non terá madurado o suficiente e será menos robusta", esgrimiu o Grupo de Traballo Técnico de Vacinación, nun documento filtrado na segunda feira aos medios de comunicación.

Após a reunión do Consello, a ministra de Sanidade, Carolina Darias, informou dos acordos alcanzados nunha comparecencia no Senado na que deu conta de diferentes cuestións relacionadas coa evolución da pandemia e a estratexia de vacinación. "Non hai nada que modificar. Levouse á Comisión pola petición dalgúns territorios (como Catalunya ou Madrid) con argumentos a favor e en contra. Eu tiña o meu posicionamento, respectuoso, e celebro que se acordase seguir o intervalo actual porque sabemos os vantaxes que ten", expuxo, e celebrou que se tivese acordado unha "estratexia única" no conxunto do Estado.

Maior inmunidade coa pauta completa, segundo o Sergas

A Xunta, pola súa banda, estimou "conveniente" manter os prazos actuais na poboación maior de 70 anos, amparándose nun informe presentado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) horas antes de se celebrar o Consello. Os datos analizados, asegurou o Sergas, reflectiron que, nas persoas que recibiran unha única dose de Pfizer, Moderna ou AstraZeneca, a posibilidade de contraer a Covid-19 reducírase a 47,2%. Coa pauta completa, o descenso acentuárase até 88,4%. Estas cifras varían en función do grupo de idade, chegando a rozar 70% nas persoas maiores de 65 anos ás que se lles inoculara unha única dose.

"A obtención de datos da efectividade do proceso de vacinación resulta esencial para estabelecer as estratexias do control global da enfermidade e realizar axustes das políticas de vacinación", alegou a Consellaría de Sanidade, a través dun comunicado de prensa.

Para realizar o estudo fíxose un seguimento da poboación vacinada entre o 27 de decembro, cando principiou a campaña, e o 17 de marzo, agás as persoas que tivesen recibido un positivo pola Covid previamente ao inicio da vacinación. O Sergas tomou en consideración 936.425 resultados de probas diagnósticas, após administrárense 349.848 doses (11.194 de Moderna, 73.666 de AstraZeneca e 264.988 de Pfizer). Máis de 250.000 persoas recibiran a primeira vacina, mentres as case 100.000 restantes foran inoculadas coa pauta completa.

"Os nosos datos certifican ese importante cambio coa segunda dose, polo que o máis correcto coa poboación maior de 70 anos é manter a distancia indicada na ficha técnica das vacinas", xustificou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que defendeu a oposición do Goberno galego á proposta do Ministerio no Consello Interterritorial de Saúde.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, instou a manter os prazos actuais "como mínimo nos maiores de 70", mais non desbotou "valorar" o adiamento en idades inferiores.