O Consello da Xunta aproba a declaración de interese autonómico para a cidade deportiva do Celta en Mos

A veciñanza de Tameiga é pioneira na defensa do monte veciñal e mais no impulso da súa propia comunidade enerxética. (Foto: Nós Diario)
O Executivo galego dá agora este paso a pesar das reiteradas queixas da Comunidade de Montes de Tameiga (Mos).

A delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou que o Consello de la Xunta dará o visto e prace esta quinta feira á declaración de interese autonómico para o proxecto que o Real Club Celta de Vigo quere pór en marcha en Mos, a chamada 'Factoría do Deporte Galego-GalizaSports 360'.

Tal e como informou a Xunta nun comunicado, o pasado 15 de marzo, o Real Club Celta de Vigo presentou ante a Secretaría Xeral para ou Deporte a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto 'Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360', ao amparo da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio.

O Executivo galego dá agora este paso a pesar das reiteradas queixas da Comunidade de Montes de Tameiga (lugar do concello de Mos onde se construiría a 'Factoría do Deporte Galego-GalizaSports 360'), que vén mostrando a súa oposición a este proxecto do Real Club Celta de Vigo.

"Eles falan moito da universidade do deporte, dos centros de laboratorio e investigación, pero ao final todo é negocio, puro e duro", afirmaba a este xornal o coordinador da Comunidade de Montes de TameigaGonzalo Pérez, antes de se coñecer este novo paso da Xunta.

Sobre a declaración de interese autonómico, Pérez aseguraba que "é o mecanismo no que traballan para roubarnos o monte, unhas oito hectáreas no Chan da Cruz, no que ademais dun estadio máis grande que o de Balaídos din que queren facer concertos e meter zona de restauración e xerar e xerar. Ben pois todo iso que buscan xerar pódese facer perfectamente sen ocupar e destruír máis territorio".

"O máis valioso que ten o monte son os acuíferos e os pozos que se fixeron hai 40 anos para a recollida da auga de chuvia", algo que, en palabras de Pérez, "periga" ante a intención do Celta amparada agora pola Xunta e a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo.