O Consello da Cultura pendura 'A Nosa Terra' na Rede

Exemplares de 'A Nosa Terra' do periodo posterior a 1977. Foto: Consello da Cultura Galega.

“Traballadores do mar enfrentados. A reforma pesqueira é necesaria”. Eis a apertura do número 0 da etapa moderna do semanario nacionalista A Nosa Terra. Máis abaixo, a loita contra a cota empresarial. En internacional, o carácter presidencialista da Generalitat e a viaxe de Anwar el-Sadat a Israel. E a nota que daba conta do que pasaba: “Nace un periódico galego”.
 

O Consello da Cultura Galega e a fundación herdeira da histórica cabeceira asinaron esta quinta feira un acordo para dispoñibilizar na Rede a colección da Nosa Terra contemporánea: do 2 de decembro de 1977 a setembro de 2011. Os 26 primeiros números, dirixidos pola xornalista Margarita Ledo, xa se poden consultar na páxina web da institución cultural.

 

“Trátase dun dos medios de comunicación fundamentais para comprender a transición e os inicios da autonomía galega”, indicou nunha nota de prensa o Consello da Cultura, “unha inxente cantidade de material con entrevistas a persoeiros destacados, mobilizacións sociais ou tendencias da nosa cultura”.

 

Alfonso Eiré dirixiu o semanario boa parte do período 1981-2011 -no tramo final a función desenvolveuna o escritor e articulista de Sermos Galiza Manuel Veiga. Agora preside a Fundación A Nosa Terra e, no acto de sinatura do convenio canda a presidenta do Consello Rosario Álvarez, afirmou que o periódico “supuxo un xeito novo de facer xornalismo e tratar temas que eran marxinais na prensa, como o ecoloxismo, o feminismo o traballo ou a memoria histórica”.

 

A Nosa Terra de 1977 continuaba os labores iniciados pola mesma cabaceira en 1907, cando o promoveron un grupo de galegusitas entre os que se atopaban Manuel Murguía, Manuel Lugrís ou Florencio Vaamonde. En 1916 convértese no voceiro oficial das acabadas de fundar Irmandades da Fala. Adopta daquela o monolingüismo en galego e unha liña política nacionalista e agrarista, de oposición ao caciquismo.

 

A partir de 1932 asóciase ao Partido Galeguista. A Guerra Civil fana a súa traxectoria en Galiza e pasa a publicarse no exilio arxentino, sen regularidade, ate 1972. Cinco anos despois, comezará a súa derradeira etapa.