O organismo fiscalizador galego pon o foco "na situación financeira da Fundación 061"

O Consello de Contas cuestiona os concertos do Sergas coa sanidade privada

Miguel Santalices con José Antonio Redondo, conselleiro maior do Consello de Contas (Foto: Europa Press).

O Consello de Contas cuestiona os concertos do Sergas coa sanidade privada. O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo López, compareceu onte no Parlamento da Galiza para presentar os informes da entidade referidos ao exercicio 2019. Os orzamentos da Xunta da Galiza e do Sergas centraron boa parte da súa intervención e dos grupos parlamentarios.

O Consello de Contas da Galiza cuestiona os concertos asinados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) co sector sanitario privado. Segundo se recolle no seu informe de fiscalización da conta xeral do Sergas de 2018, ao que tivo acceso Nós Diario, "os concertos formalizados na área da Coruña cos hospitais San Rafael, Modelo e Quirónsalud A Coruña esgotaron as correspondentes prórrogas o 16 de xaneiro de 2016, continuando coas prestacións mediante autorizacións de uso desde esa data e durante o exercicio fiscalizado, adxudicándose un novo contrato durante o ano 2020".

A situación repítese noutras áreas sanitarias da Galiza. Nesta liña indica que a "mesma situación atopábase na área de Lugo, que continuou con autorizacións de uso con Polusa e  Ollos Grandes durante o exercicio fiscalizado e até 1 de outubro, data na que entrou en vigor o novo contrato". Outro tanto acontece en Vigo, no caso de Povisa durante o exercicio fiscalizado "o concerto modificouse en dúas ocasións, unha como consecuencia dos custos derivados dos medicamentos de alto impacto que supuxeron un incremento do concerto en dous millóns de euros, e outra como parte do programa especial de redución das listas de espera que supuxo un incremento dun millón de euros".

Ausencias de contratos nos concertos do Sergas

O Consello de Contas denuncia que "hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha forma contractual" e en que se "recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e na maior parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender, limitándose a enumerar servizos necesarios". Neste sentido, critica que se "aprecia a existencia de obrigas con entidades (algunhas delas incluídas no apartado "resto de entidades") que non están soportadas por un concerto ou autorización de uso".

O ente fiscalizador pon o foco na opacidade dos instrumentos de xestión. A este respecto, destaca a existencia de contratos que "nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover a concorrencia na oferta". Nesta liña, advirte que "esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado".

"En ningún dos casos analizados a tramitación se axusta ao previsto na normativa financeira, xa que tan só se limita a realizar os pagos, a pesar de ser necesaria unha autorización previa á realización do servizo facturado e para a que non hai constancia contábel", sinala o documento de fiscalización da conta xeral do Sergas, que salienta que "en case todos os casos acumúlanse varias facturas do mesmo provedor nun único documento contábel, non sendo posíbel o axeitado seguimento das obrigacións pendentes de imputar".

205 millóns de euros de euros en concertos en 2019

A Xunta da Galiza destinou en 2019 a concertos sanitarios 205 millóns de euros, sendo o de maior contía o asinado co hospital vigués de Povisa, que recibiu nesa anualidade 38% do total do orzamento. Malia o relevo que cobran os concertos asinados entre o Sergas e os operadores sanitarios privados para atender a demanda asistencial que non se pode cubrir coa dotación e recursos propios do sector público, as entidades de defensa da sanidade consideran que se están empregando como un mecanismo para avanzar no desmantelamento do sistema público, prescindindo do carácter complementario e subsidiario que a lei lles outorga aos concertos.

O Consello de Contas advirte do funcionamento da administración sanitaria paralela. Así, en relación con Galaria, empresa pública do Sergas dirixida pola antiga conselleira de Sanidade Rocío Mosquera afirma que "o contrato programa de Galaria non está adaptado ao procedemento de reestruturación que está a realizar a entidade e coexiste con encomendas formuladas polo Sergas á entidade para o desenvolvemento de actividades concretas". Anteriormente, esta mesma entidade tivo como máxima responsábel María Luisa Brandt, quen tras o seu paso por Galaria foi nomeada en 2017 xerente do hospital de Povisa en Vigo.

O funcionamento da Fundación 061 está no foco do organismo fiscalizador. A este respecto, o Consello de Contas sinala que " a situación financeira da Fundación 061 evidencia unha necesidade de revisión do modelo de control e seguimento por parte do Sergas".