O conselleiro de Sanidade defende que médicos do Cunqueiro durman en camas pediátricas nas gardas

Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
"Non xera dificultades asistenciais para os pacientes que ingresan", afirma García Comesaña.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou esta sexta feira que "non supón ningún problema" que o persoal médico en servizo de garda do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo durma nas camas de pediatría, tal e como publica hoxe La Voz de Galicia, xa que "non xera dificultades asistenciais para os pacientes que ingresan".

Comesaña sinalou, en declaracións aos medios de comunicación antes de participar na inauguración do XXV Congreso Nacional de Psiquiatría en Santiago de Compostela, que no hospital vigués "hai dormitorios para 110 médicos".

Nesta liña, puntualizou que hai 64 médicos adxuntos de garda de presenza física e 46 médicos MIR nesta mesma circunstancia e que "teñen o seu dormitorio perfectamente habilitado desde sempre".

Aliás, explicou que a ocupación media de camas no servizo de pediatría é "de 58%", o que indica que "practicamente só se ocupan a metade das camas". Tamén xustificou que "non é ningún problema que na propia planta de Pediatría estean a durmir os médicos".

Deste modo, o titular de Sanidade destacou que o uso das camas de pediatría "ten a vantaxe de que está perto de Xinecoloxía ou Anestesia". Así, insistiu en que "o Álvaro Cunqueiro ten unha gran capacidade de dormitorios".

"Non hai colapso"

Esta mesma semana o conselleiro eludiu falar de "colapso" á hora de valorar a situación das Urxencias pediátricas do Cunqueiro: "A palabra colapso é unha palabra moi forte para unha situación que non é tal. Colapso é cando algo deixa de funcionar e afortunadamente as Urxencias en Vigo non deixaron de funcionar".

O máximo responsábel de Sanidade tamén recoñeceu que "a situación pode volver repetirse dado o momento do ano actual", antes de intentar mandar unha mensaxe de calma á poboación. "Os nosos pequenos van ser ben atendidos e recibirán a mellor atención pediátrica posíbel", sostivo.