O conselleiro de Educación xustifica os recortes en profesorado

Alumnado nun centro educativo da Galiza (Foto: Europa Press)

Educación di que o vindeiro curso haberá todo o profesorado “necesario”. Así responde as críticas recibidas nas últimas semanas ao coñecerse que a Xunta reducirá o número de docentes de reforzo.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, xustificou os "axustes" de profesorado que o Executivo galego levará a cabo no curso 2021-22 e defendeu que a Galiza terá todas e todos os docentes “necesarios" para facer fronte aos condicionantes "sanitarios" e "demográficos".

Rodríguez respondeu así ás críticas que recibiu nas últimas semanas, tras coñecerse que a Xunta vai reducir o profesorado de reforzo para o próximo curso. O conselleiro detallou que a Galiza, “ao contrario doutras comunidades, desenvolveu o período escolar cunha presencialidade plena".

"Imos seguir na liña de traballo deste curso, que se desenvolveu sen maiores complicacións" afirmou o responsábel de Educación. Tamén afirmou que o persoal de profesorado vai ser "maior" que o do curso 2019-20, que estivo partido polo comezo da pandemia en marzo de 2020. Cuestión esta que os sindicatos negan, alertando dun "recorte sen precedentes".

O conselleiro explicou que é "habitual" que leven a cabo “remodelacións” e cambios na estrutura do sistema educativo "a estas alturas do ano". "O que se busca é unha adecuación aos condicionantes que marcan cada momento", engadiu.

Román Rodríguez, que foi interpelado en varias ocasións polos partidos da oposición e polos sindicatos do profesorado para que explique os motivos da redución de docentes, expuxo que a Galiza é, xunto con Estremadura, a comunidade “con mellor cociente de alumnado nas súas aulas, e unha das que mellores índices de calidade e de equidade presenta no marco da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE)”.

"As críticas dos sindicatos son respectábeis, pero isto non é un debate puramente laboral e sindical", sinalou Rodríguez, "tamén é un debate educativo". O conselleiro comprometeuse a que a Xunta dará resposta a calquera situación "sanitaria" ou "demográfica" que se expoña durante o próximo curso.

Recorte de 435 prazas

Un recente estudo realizado pola CIG-Ensino cifra en 435 as prazas que se perderán a respecto do ano académico precedente, cando se reforzaron os cadros de persoal por mor da pandemia, debido á necesidade de separar o alumnado en máis aulas.

Porén, sen ter en conta o curso da pandemia, o estudo do sindicato indica que, en relación co curso 2019-20, antes de que estoupase a crise sanitaria, desaparecerían neste mes setembro 189 postos.

As cifras do recorte serían mesmo maiores, sinalou o sindicato, a falta de computar a redución de docentes en varios centros pendentes de contabilizar.

Tal e como recolleu Nós Diario nesta quinta feira, 5 de agosto, Asociacións de Nais e Pais (Anpa) do país observan con preocupación os movementos do Goberno galego e instan a manter as actuais ratios de mestres: