A conselleira defende a xestión da Xunta nos incendios e pon no albo o "terrorismo incendiario"

Imaxe: Xunta

A oposición critica as políticas forestais e para o rural do PP ao longo de todos estes anos e lembroulle a Ángeles Vázquez a falla de medios e persoal. A intervención do portavoz do PP luxou o debate, insinuando que En Marea, PSdeG e BNG non estiveron a pé de terreo contra o lume e apontando que “semella que desexaban” que acontecesen os fogos.

A oposición quería que fose Núñez Feijóo quen comparecese no Parlamento para dar conta do desastre acontecido en Galiza nesta fin de semana. Mais o presidente non estivo, xa nin se lle esperaba, e quen deu a cara foi a conselleira de Medio Rural, que solicitara comparecer ela propia. Ángeles Vázquez cinxiuse ao guión sobre o que o Partido Popular está a construír o seu relato sobre o que pasou estes días. Non houbo descoordinación, non houbo fracaso de políticas forestais, non houbo falla de medios. O que houbo foi “un ataque sen precedentes, unha aldraxe”, houbo “terrorismo incendiario”. Como posteriormente dixo o portavoz do PP neste debate, José Balseiros, o que houbo foi “un atentado en toda regra contra os galegos”.

 

Ángeles Vázquez informou que nestes catro días arderon máis hectáreas que en todo o resto do ano mais non deu cifras. Si número de incendios, 276. Afirmou que o operativo dispoñíbel era maior que o normal nesta época noutros anos. Mesmo dixo que antes destes días fatídicos Galiza “estaba tranquila”, obviando que en zonas de Ourense os incendios viñan producíndose desde comezos de mes. A conselleira cualificou de “demagoxia” “esa política de nomear Ence, eucaliptos...” á hora de falar das causas dos incendios. Xogou a baza, habitual en certos sectores do PP, de acusar a oposición de descoñecer, cando non ignorar, o rural, do que o PP se presenta como único lexítimo representante. Nesta liña, mesmo aconsellou á portavoz do BNG, Ana Pontón, que “pasee máis polo rural”. A nacionalista retrucoulle que se após 4 persoas mortas e miles de desaloxados todo o que tiña que dicir era que ela fose pasear polo rural, “é que o posto quédalle moi grande”

 

A realidade

 

Pontón (BNG) foi a primeira da oposición en ter a palabra. A nacionalista dixo que “terrorismo incendiario” é tamén o abandono programado do rural, a eucaliptización, a falla de ordenamento do monte... Pediu un cambio da política forestal e traballar e lexislar para un rural e un monte vivos, mentres lembraba que dúas semanas antes desta vaga de incendios a Consellaría despedira máis de 400 brigadistas. A Xunta non estivo á altura dos acontecementos, sostivo a portavoz do BNG, lembrando que mentres moitas persoas estaban atrapadas na A52 os medios públicos galegos estaban retransmitindo fútbol.

 

José A. Quiroga (PSdeG) lamentou que o PP viñese ao Parlamento coa “tese única” da existencia dunha “trama de incendiarios”, lembrando que o propio fiscal de Medio Ambiente dixo que nunca detectaran tal. “O problema é máis amplo e complexo”, engadiu, e chamou ao PP a centrase nel.

 

De por parte, Luis Villares (En Marea) pediu á Xunta que “non se esconda detrás dunha trama incendiaria que ninguén ve por ningures” e afirmou ao xeito de Beiras que estes días en Galiza “esmoreceu o Estado e agromou a Nación”. A falla de medios e planificación obrigou a cidadanía a intervir “para salvar o común”. “Faltaron medios e sobrou incompetencia”, dixo Villares, que concluíu que “a cidadanía galega non merece un presidente covarde”.

 

Incendio no Hemiciclo

 

“Veu vostede aquí a incendiar o Hemiciclo”, dixo na contraréplica o socialista Quiroga referíndose ao popular Balseiros, que intervira anteriormente. José Balseiros, como os irlandeses de Gaillimh, semella dos que nunca deixa pasar a oportunidade dunha boa bronca, dialéctica neste caso. Sobráronlle minutos para elevar a temperatura da Cámara e provocar e anoxar os deputados da oposición. Comezou cun “nós apostamos na Galiza, outros na pancarta” para desprezar as mobilizacións desta segunda feira no mellor estilo daquel “ladran o rancor polas esquinas” aznariano.

 

O do PP insinuou que a oposición “parece que estaba desexando que acontecese” o que pasou esta fin de semana. Unha frase que fixo saltar En Marea, PSdeG e BNG. Unha frase canalla, como rosmou alguén. Non a única. A seguir, Balseiros dixo que estes días o PP estivera ao pé da veciñanza e dos incendios mais, de novo dirixíndose á oposición, ceibou un “non os vin a vostedes polos incendios”, que insinuaba moito. Outra volta, momentos de bronca e o presidente Santalices tivo que ameazar con suspender o pleno.