A Consellaría de Sanidade fracasa coa proposta de MIR para cubrir vacantes de familia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. (Foto: Europa Press)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu este sábado que a proposta de cubrir as vacantes en medicina de familia con médicos internos residentes de último ano non tivo a "receptividade que agardaban". 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que a proposta aos médicos internos residente (MIR) de último ano para que cubran vacantes de medicina familiar nos centros de saúde do Servizo Galego de Saúde "non está a ter moita receptividade".

"Non temos moitos voluntarios", sinalou o máximo responsábel de Sanidade do Goberno galego quen, a preguntas aos medios este sábado en Mos (comarca de Vigo), apuntou que a "primeira sondaxe" realizada entre os MIR que completan a súa formación na área sanitaria de Pontevedra non logrou “espertar o interese deste colectivo”.

"Algún está a pensalo", engadiu Comesaña, antes de incidir en que o Sergas "vai seguir insistindo" para conseguir adhesións a esta iniciativa, que propón estender o período no que os MIR de último curso reciban pacientes sen compañía do seu titor, algo que levan a cabo exclusivamente no último mes da súa formación.

Comesaña remarcou que se trata dunha proposta orientada a facer fronte á falta de profesionais en atención primaria, nivel asistencial no que, segundo o conselleiro, existe unha lista de espera "de menos de catro días", un dato que cualificou de "bo" aínda que gustaría "que fose o 100%". "O lamentábel é que esteamos nesta situación", aseverou o conselleiro de Sanidade.