Ensino

ETA e ETA: os dous textos propostos pola Consellaría nos exames da Secundaria para adultos dous días antes das eleccións

O estudantado lamentou a falta de diversidade temática e a complexidade da redacción. (Foto: Europa Press / Arquivo)
Profesorado traslada o seu "malestar" pola falta de diversidade temática na proba de Lingua Castelá, pois ambos os textos, dos que o alumnado maior de idade se examinou só dous días antes das eleccións municipais, a diferenza do resto de probas versaban sobre a mesma cuestión: o terrorismo de ETA. "Causou moito malestar entre o alumnado, mesmo desde o punto de vista emocional", aseguran.

O pasado 26 de maio alumnado maior de 18 anos de toda Galiza estaba convocado a realizar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, a coñecida como ESA. O exame, realizado por unha pequena comisión de profesorado designada pola Consellaría de Educación, consta de diferentes exercicios relacionados coas materias a examinar, en función da modalidade escollida. Cada unha das probas de idiomas —galego, castelán e estranxeiro (inglés ou francés)— constan de 20 preguntas tipo test arredor de dous textos —ou un texto e unha imaxe para linguas estranxeiras— e, no caso das linguas cooficiais no país, unha redacción cunha extensión máxima de 200 palabras.

Neste tipo de exames é frecuente que os dous textos que se presentan versen sobre temáticas diferentes; porén, desta volta non foi así na proba de Lingua Castelá. Parte do profesorado trasladou a Nós Diario o seu malestar após comprobar que ambos os exercicios tiñan un único protagonista: o terrorismo de ETA.

O primeiro texto era un extracto da novela Patria (2016), de Fernando Aramburu, nomeadamente o terceiro capítulo, titulado 'Con el Txato en Polloe'. O segundo recolle unha columna de Edurne Portela publicada en 2019 no xornal El País, 'Encuentros posibles', cuxo eixo central é tamén a banda terrorista que anunciou o cesamento da súa actividade criminal en 2011, concretada no arrepentimento do ex etarra Ibon Etxezarreta e o seu encontro con Maixabel Lasa, viúva de Juan Mari Jauregi.

Até sete das 20 preguntas tipo test do exame teñen a ver co terrorismo de ETA, así como a redacción final: "En 2014 Ibon Etxezarreta escribiu unha carta a Maixabel Lasa na que pedía perdón e recoñecía o 'dano irreparábel inxusto' causado co asasinato do seu marido. Imaxine que Bittori (a protagonista do texto 1) acaba de recibir unha carta similar e vostede vaille a axudar a elaborar a contestación. Redacte para iso unha carta, de 200 palabras aproximadamente, na que expoña cales son os seus sentimentos a respecto diso [...]".

A xuízo do profesorado consultado por este xornal, "non é inocente" que apareza "tropecentas veces a palabra ETA" nunha proba que se realizou só dous días antes das eleccións municipais, unha cita coas urnas na que o Partido Popular situou a banda terrorista no centro dos debates avivando polémicas como a da presenza de ex etarras nas candidaturas de EH Bildu dalgúns municipios. E un exame, aliás, que fixeron centos de persoas que, ao seren todas elas maiores de idade, "ían votar" o 28 de maio.

O propio presidente da Xunta e do PP na Galiza, Alfonso Rueda, fomentou este debate durante a campaña en máis dunha ocasión, cuestión que criticaron outras formacións como BNG ou PSdeG ao ver "desnortados" os populares e con "pouco que falar" sobre cuestións relacionadas cos concellos galegos, en palabras da formación socialista.

"O alumnado tamén se queixou moito porque, sobre todo, a redacción final era moi complexa. Causou moito malestar, mesmo desde o punto de vista emocional", sinalan as mesmas fontes, que inciden en que nas convocatorias de anos anteriores, así como nesta mesma no caso doutras materias como Lingua Galega, "hai dous textos pero sempre de temáticas diferentes".