As consecuencias psicolóxicas da pandemia "perdurarán no tempo"

As persoas maiores sofren especialmente as consecuencias do illamento social (Foto: Arxina).
A demanda de atención psicolóxica medra e evidénciase a escaseza de recursos no sistema sanitario público. 'Nós Diario' conversa coa psicóloga Socorro Rodríguez Holguín.

Alén da que se refire aos contaxios da Covid, hai outra vaga que está a medrar no país por mor da pandemia: a "psicolóxica". O estrés e a ansiedade son dous factores que condicionan o día a día de moitas persoas, en especial das crianzas e as persoas maiores.

O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza organiza do 22 ao 24 de febreiro a terceira edición do ciclo 'Tempo da Psicoloxía', desta volta artellado en base aos efectos da pandemia sobre a saúde mental. O acceso a esta actividade, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom, é de balde e sen inscrición previa (até un máximo de 500 asistentes).

A pandemia afecta o conxunto da sociedade, mais en especial as persoas maiores e a cativada

"As e os mozos, tanto cativos como adolescentes ou mesmo universitarios, poden ver afectado o seu desenvolvemento porque están nunha etapa vital na que a socialización entre iguais é imprescindíbel e agora está restrinxida", afirma a este xornal a coordinadora do evento, a psicóloga Socorro Rodríguez Holguín.

Tamén as anciás e anciáns padecen especialmente as consecuencias do illamento social: "Varía en función da persoa, de se é dependente ou autónoma, mais a todas lles afecta ollar cara ao futuro. Hai un mes diciamos que había que sacrificar o Nadal para poder celebrar os vindeiros, e é unha boa mensaxe, pero un home ou muller de 90 anos pensa que non vai ter máis festas, e o único que quere é ver ás e os seus netos", argumenta.

As secuelas da Covid

Rodríguez Holguín considera que, "agora que vemos a luz ao final do túnel", cómpre pór o foco sobre a saúde mental: "A crise sanitaria rematará e a economía, malia que tardará un pouco máis, recuperarase, mais o malestar psicolóxico perdurará no tempo porque depende en boa medida das dúas anteriores. E isto afecta, en maior ou menor medida dependendo de como o afronte cada persoa, ao conxunto da sociedade", sostén.

Neste senso, a psicóloga lembra a recesión económica de 2008, que provocou que moita xente "mudase radicalmente o seu modo de vida", algo que, ao seu xuízo, acontecerá novamente. "Os efectos da pandemia serán prolongados, máis aló da saída directa da crise sanitaria", relata.

Falta de recursos na Sanidade pública

Rodríguez Holguín detecta un aumento da demanda de atención psicolóxica durante a pandemia, en especial dos servizos privados, "non porque a xente os prefira, senón porque non ten máis remedio". Neste senso, salienta a falta de profesionais e as longas listas de agarda: "Levamos anos demandando servizos psicolóxicos na Atención Primaria", expón.