Medio Ambiente

As confrarías censuran que a Xunta tardase sete anos en sancionar as verteduras de San Finx: "Queremos saber a verdade"

Manifestación contra a mina de San Finx en Lousame. (Foto: Europa Press)
Augas da Galiza vén de abrir un expediente a Tungsten San Finx SL após constatar incumprimentos nas condicións das verteduras ao río procedentes da explotación mineira, partindo dunhas analíticas recentes que, denuncian as confrarías e colectivos ecoloxistas, xa presentaban resultados "igual de alarmantes" en 2015, 2016 e 2017, "sen que a Xunta adoptase ningunha medida".

As confrarías de pescadores de Noia e Portosín e as restantes organizacións que integran a plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx mostráronse esta sexta feira "indignadas" ante o anuncio de Augas da Galiza da apertura dun expediente sancionador contra Tugnsten San Finx SL por contaminación das augas derivada das verteduras, pois estes colectivos levan xa sete anos solicitando medidas sancionadoras que, constatan agora, non se implementaron malia as múltiples advertencias.

Nun comunicado, sinalan que no expediente de autorización de verteduras constan analíticas realizadas no mesmo punto do río nos anos 2015, 2016 e 2017, que presentaban resultados "igual de alarmantes", sen que a Xunta adoptase "ningunha medida". "Queremos saber a verdade de por que Augas da Galiza esperou sete anos para iniciar un expediente sancionador e que se depuren responsabilidades administrativas e penais", declarou o patrón maior de Noia, Santiago Cruz.

Ao seu xuízo, "non é normal que, coñecendo o grao de contaminación do río durante todos estes anos, os mesmos funcionarios e altos cargos non fixesen absolutamente nada", dixo, suxerindo que os movementos de agora teñen que ver cos cambios da empresa, despois de que Sacyr e os seus socios australianos de Pivotal Metals abandonasen o proxecto mineiro para evitar responsabilidades polos impactos na ría de Muros e Noia.

Os colectivos da plataforma solicitaron esta sexta feira a personación no expediente sancionador para "evitar que se converta nunha farsa e asegurar que se adoptan as medidas cautelares necesarias para impedir que a contaminación poida chegar á ría".

Actuacións "inmediatas"

As confrarías urxen Augas da Galiza a "obrigar a empresa a parar de forma inmediata" as verteduras de augas residuais da mina, mediante as melloras técnicas dispoñíbeis, incluíndo o selado de tranversais de desaugadoiro mediante bulkheads e o taponado de chemineas e pozos de ventilación, permitindo así a reinundación das plantas que foron baleiradas desde 2008 e creando condicións que minimicen os procesos de xeración de drenaxes acedas de mina.

"Isto é precisamente o contrario do que pretende facer a Xunta ao permitir o baleirado das plantas inferiores da mina, pois isto só levaría a un aumento dos niveis de contaminación, ao expor as plantas alagadas ao oxíxeno, que fai que se disolvan os metais presentes nas pedras das galerías", explica o portavoz da plataforma e membro de Ecoloxistas en Acción, Joám Evans.

Desde a plataforma insisten en que é o momento de "aplicar" a Lei de responsabilidade ambiental, baixo o principio de que "quen contamina, paga", e impondo "sen demora" á empresa medidas provisionais preventivas e de evitación para "impedir a continuidade de verteduras contaminantes". Tamén reclaman que se estabelezan avais e garantías ambientais para asegurar que a empresa fai fronte aos danos, "dado o risco de quebra da mercantil e de fuga" dos seus administradores, todos eles estranxeiros.


A Xunta dá un mes á empresa

Pola súa parte, a Xunta, a través de Augas da Galiza, requiriu a Tungsten San Finx SL que "axuste a xestión das augas residuais" xeradas nas instalacións da mina, situada no concello de Lousame, ás "condicións estabelecidas na autorización de vertedura" que se outorgou. Deste modo, a concesionaria deberá acreditar documentalmente este axuste no prazo dun mes, segundo comunicou esta sexta feira a Administración. De non ser así, os incumprimentos poderá dar lugar á revogación da autorización da vertedura.

Este requirimento dáse despois de que os técnicos de Augas da Galiza constatasen nunha recente inspección á zona a falta de execución en prazo das instalacións de tratamento para a correcta evacuación das augas residuais na balsa de decantación final. Nesta inspección tamén se detectou a vertedura de augas residuais á rega Rabaceiras en dous puntos non autorizados e con superación dos límites impostos para os parámetros de cobre, cadmio e zinc. De feito, as análiticas realizadas, e que foron desveladas esta quinta feira pola plataforma en contra da mina, reflicten niveis de até 78 veces superiores ao límite máximo permitido en cadmio.

Nun comunicado, a Xunta lembra que estas infraccións están recollidas como "graves" na lei 9/2010 de Augas da Galiza, polo que o organismo público vén de iniciar o correspondente expediente sancionador á empresa concesionaria. Este tipo de infraccións, atendendo ao tenor de normativa vixente, poden supor sancións que van até os 300.000 euros.

Augas da Galiza outorgou o pasado mes de febreiro a esta empresa a autorización para a execución dunha depuradora, que incluía 18 condicionantes que debía cumprir o titular da explotación para a correcta xestión da vertedura e as medidas para unha depuradoración axeitada.