Crise dos pellets

A Federación de Confrarías acusa as 120 convocantes da manifestación do domingo de "causar dano ao sector"

Manifestación en defensa do mar o pasado 21 de xaneiro en Compostela. (Foto: Xan Muras)

A federación carga contra os milleiros de traballadoras e traballadores do mar que se mobilización o domingo, mais recoñece que as axudas da Xunta da Galiza para o marisqueo "non alcanzan as expectativas". 

A Federación Galega de Confrarías acusou as entidades convocantes da manifestación do pasado domingo, da que fixeron parte pósitos de distintos puntos do país, de “causar dano ao sector”. De feito, entre as máis de 120 organizacións que convocaron a mobilización en defensa do mar que xuntou milleiros de persoas en Compostela o pasado domingo, e que a federación viu "politizada", atópanse entidades representativas como as Confrarías de Pescadores da Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz, Mugardos, Noia, Redondela, Rianxo, Vilanova de Arousa ou as Agrupacións de marisqueo a pé e/ou a flote de Carril, Arcade, Cabo de Cruz, Cambados, Noia, Redondela, Vilanova de Arousa ou Vilaxoán.

Nunha rolda de prensa decorrida esta segunda feira, o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, procedeu á lectura dun comunicado no que reprocharon as declaracións dos portavoces das organizacións convocantes da marcha do domingo na capital galega.

Defenderon que as confrarías "sempre encabezaron as manifestacións máis importantes en defensa do sector, independentemente do signo político que ocupase a Xunta da Galiza" e rexeitaron o que consideran un "uso partidista" dunha problemática pesqueira "como pode ser o coidado do mar ou a situación da produtividade dos bancos pesqueiros".

"As confrarías defenderon, defenden e defenderán o mar 24 horas ao día, 365 días ao ano. Así continuarán facendo, a diferenza doutras organizacións que son manipuladas", expuxeron.

"Politización"

O presidente da federación puxo de manifesto que "a politización da crise dos pellets" provocou unha baixada de prezos dos produtos do mar e desconfianza. Ademais, acusaron traballadores e traballadoras do mar de seren "supostos influencers e youtubeiros" que "non foron elixidos por ningún dos seus compañeiros" de "difamar" e causar "un profundo malestar nas confrarías". Declaracións cuxo albo foi o mariñeiro e divulgador Rogelio Santos, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia e unha das persoas que participou de maneira activa na mobilización.

Ademais, malia o advertido por Concellos como o de Ribeira, o de Porto de Son e o de Muros, e polo movemento ecoloxista, a federación advertiu de que o resultado da vertedura do Toconao foron "catro pellets". Na mesma liña, non aforraron críticas contra os Gobernos locais que se puxeron á fronte da crise ante a inacción da Xunta da Galiza. Así, criticaron que "en moitos concellos que din que son progresistas" había "toneladas de plástico".

Pola súa parte, Daniel Formoso, presidente da federación de confrarías da Coruña, lamentou que coas "mentiras e boatos" se divida o sector. "Nós somos os representantes e loitaremos día e noite, como así o fixemos", reivindicou. Nesta liña, cargou contra os que lles din que se "venden por 500 euros", en referencia ás acusacións do sector crítico coa Xunta da Galiza, que censurou o anuncio de axudas por parte do Goberno galego para tratar de desmobilizar as traballadoras e traballadores do mar catro días antes da manifestación. Formoso defendeu que a federación negocia "para sacar o maior proveito para os mariñeiros e mariscadoras facendo o posíbel".

Prezos do peixe

A preguntas dos medios sobre os prezos dos produtos do mar nestes momentos, Pérez Sieira sinalou que "parece" que se volven a recuperar "aos poucos", xa que ao principio "si que baixou a cantidade".

Como exemplo, José Manuel Rosas explicou que o prezo do polbo "baixou un euro automaticamente" coa campaña "de desprestixio de tirarse boñiñas uns aos outros". "A política para os políticos, pero cando niso vai o prestixio dos nosos produtos... Claro que se van recuperar, porque na Galiza a calidade non ten comparación con ningunha", insistiu.

Axudas da Xunta

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, recoñeceu que é "consciente" de que a axuda de 15 millóns anunciada "non alcanza as expectativas do sector" e puxo de manifesto que "foi o máximo que se puido conseguir". As axudas acordadas entre a Federación e a Consellaría do Mar, contra a que en ningún momento da intervención pública se pronunciaron, suporían arredor de 550 euros por mariscador ou mariscadora e non se aprobarían até o mes de abril.

"Desde as confrarías trabállase para a consecución doutra serie de compromisos, como a modificación da normativa estatal, relativa á seguridade social, que depende do Goberno estatal. O compromiso das confrarías é loitar polo sector e así o seguiremos facendo, péselle a quen lle pese", apuntou, pondo o foco no Executivo español e non na Xunta da Galiza, para a que non houbo palabras negativas.