A Confraría de Noia alerta sobre os donos da mina de San Finx: "Fugáronse"

Mina de San Finx, explotada por Pivotal Metals (Foto: Ecoloxistas en Acción).
Desde a Confraría de Pescadores de Noia e doutros colectivos integrados na Plataforma comarcal contra os vertidos advirten que non permitirán máis “evasións de responsabilidades”, e anuncian que ampliarán a causa penal por presuntos delitos ambientais aberta nos Xulgados de Noia aos novos administradores e titulares reais da trama así como ao director facultativo da mina.

A empresa australiana Pivotal Metals vén de desfacerse das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx, simulando a venda da súa filial Tungsten San Finx, titular da polémica mina de Lousame, a unha empresa novamente creada e cun capital de tan só 3.600 euros.

Disto alerta a Confraría de Noia nun comunicado no cal indica as intencións de Pivotal Metals.

“Tenta evadirse dese modo dos danos multimillonarios que a anunciada reapertura da mina provocaría sobre a ría de Muros e Noia e os seus bancos marisqueiros, situados a tan só 7 km augas abaixo da explotación”, manifestan.

Desde a Confraría de Pescadores de Noia e doutros colectivos integrados na Plataforma comarcal contra os vertidos advirten que non permitirán máis “evasións de responsabilidades”, e anuncian que ampliarán a causa penal por presuntos delitos ambientais aberta nos Xulgados de Noia aos novos administradores e titulares reais da trama así como ao director facultativo da mina.

A empresa

A australiana Pivotal Metals recibiu supostamente 150.000 euros, nunha venda con efecto de 30 de xuño. Para desfacerse da mina creouse, indican desde a Confraría, unha trama opaca formada unha nova empresa matriz constituída hai tan só dous meses por un despacho de venta urxente de sociedades limitadas co capital social mínimo.

O 21 de xullo esa nova matriz é adquirida expresamente para materializar a fuga da australiana Pivotal Metals, colocándose como administrador o xeólogo peruano Álvaro Fernández Baca, vinculado con outras empresas mineiras australianas e canadenses, salientan.

Ese mesmo día cambiouse o nome da nova dona da mina de San Finx a “Metais Estratéxicos S.L.”, denominación aparentemente galega para unha empresa con sede nun despacho de avogados de Madrid, onde tamén residen os administradores da australiana Pivotal Metals. Desde os colectivos da plataforma están convencidos de que Fernández Baca é apenas un ‘home de palla’, aínda que advirten que desde 1989 o Estado español ten un tratado de extradición con Perú e que perseguirán todos os responsábeis.

Durante o pasado mes de xuño a empresa mineira acelerou as obras das infraestruturas de vertedura, despois de que a Xunta da Galiza lle concedese unha prórroga até o 12 de agosto para completar as instalacións que permitirán o inicio da descarga de case mil millóns de litros anuais de augas contaminadas con metais pesados tóxicos e canceríxenos. A empresa contratou varios traballadores que xa estiveran na mina entre 2010 e 2018 co obxectivo de completar a posta a punto no menor prazo posíbel.

Desde a Confraría de Noia reclaman á Xunta que estabeleza avais medioambientais de polo menos 60 millóns euros, á vista de que o fechamento dos bancos de marisqueo de Noia suporían perdas anuais duns 20 millóns de euros. A Xunta leva ademais “anos sen cobrar o canon de control de vertidos, xerando unha perda ás arcas públicas de máis de 30 millóns de euros”.