Confirmado un caso da 'nova cepa' nun paciente da área de Santiago procedente de Reino Unido

Unha ambulancia traslada un doente con Covid-19 Foto: (Carlos Castro / Europa Press)
Segundo explicou a mañá desta cuarta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, outro caso na Galiza segue en estudo, así como outros seis na zona da Mariña.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou un caso da nova cepa de coronavirus nun paciente da área sanitaria de Santiago procedente do Reino Unido.

Segundo explicou a mañá desta cuarta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, outro caso na Galiza segue en estudo, así como outros seis na zona da Mariña.

En relación aos casos en estudo na Mariña, trátase dun grupo familiar de cinco persoas de orixe inglesa, ademais dunha sexta persona que é un contacto estreito.

Respecto ao primeiro caso, o conselleiro especificou que se trata dunha persoa que veu do Reino Unido e á que, tras dar positivo un compañeiro de viaxe, realizóuselle unha proba por ser "contacto estreito".

"Pola súa orixe", precisou o conselleiro en relación á súa procedencia do citado país, fíxoselle "unha proba específica para ver se era esa variante e confirmouse", explicou  Comesaña sobre a nova cepa. Ademais, dixo que agora se "traballa cos contactos deste caso para seguir o estudo correspondente". Do outro paciente en estudo, o conselleiro precisou que están á espera de ter o "resultado" e que non hai por agora confirmación de se é a nova cepa.

En relación ao grupo da Mariña, García  Comesaña indicou que se trata dun "grupo de persoas" que viñeron do Reino Unido e ás que, tras ter síntomas, fíxoselles unha  PCR que deu positivo.

"Están sen un diagnóstico definitivo", dixo ao ser preguntado se se trata da nova cepa. "Son ingleses e unha persoa que non é do  mesmo grupo -familiar-, que é contacto estreito", precisou o titular de Sanidade.

Nova cepa

O ministro británico de Sanidade,  Matt  Hancock, anunciaba a mediados dest mes que detectaran unha nova variante do  SARS- CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. A mutación dun virus é completamente normal, non é nada extraordinario. O proceso de mutación é normal en calquera virus. De feito, desde que se detectou que o virus se estendeu aos humanos -en Wuhan a principios deste ano- identificáronse moitos diferentes.

Nun comunicado daquela, o Grupo Asesor sobre Ameazas de Virus Respiratorios Novos e Emerxentes (Nervtag), que asesora oficialmente o Goberno británico, anunciou que esta nova cepa pode estenderse máis rápido que outras variedades, concretamente até un 71% máis. Non hai constancia doutro cambio. A variante contén 23 cambios nun código xenético de 30.000 nucleótidos, moitos dos cales están relacionados con alteracións dunha proteína producida polo virus.