Que sabemos da nova cepa do coronavirus?

O principal problema é a velocidade de transmisión, mais non parece causar máis mortalidade nin ser resistente ás vacinas.

O ministro británico de Sanidade,  Matt  Hancock, anunciaba hai uns días que detectaran unha nova variante do  SARS- CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. Fontes británicas sospeitan que esta cepa podería contaxiar xa a máis dun milleiro de persoas en Reino Unido. O goberno británico tomou medidas de contención moi duras, principalmente en Londres, para tratar de frear a propagación da nova cepa.

É normal que un virus mute?

A mutación dun virus é completamente normal, non é nada extraordinario. O proceso de mutación é normal en calquera virus. De feito, desde que se detectou que o virus se estendeu aos humanos -en Wuhan a principios deste ano- identificáronse moitos diferentes.

Que é unha nova cepa?

Unha nova cepa é unha variante do virus que evolucionou cambiando algunhas das súas características. É un proceso normal en todos os virus

Cal é a diferenza entre esta cepa e as anteriores?

Nun comunicado, o Grupo Asesor sobre Ameazas de Virus Respiratorios Novos e Emerxentes (Nervtag), que asesora oficialmente o Goberno británico, anunciou que esta nova cepa pode estenderse máis rápido que outras variedades, concretamente até un 71% máis. Non hai constancia doutro cambio. A variante contén 23 cambios nun código xenético de 30.000 nucleótidos, moitos dos cales están relacionados con alteracións dunha proteína producida polo virus.

Como se descubriu?

A través dos análises das mostras e tamén estatisticamente, porque se viu que nos barrios onde predomina esta cepa hai máis persoas infectadas que nas outras. Na semana do 9 de decembro, determinouse que o 62% dos casos en Londres tiñan que ver coa nova variante, mentres que tres semanas antes só representaba 28% dos casos.

Provoca máis mortalidade? Afecta á eficacia das vacinas?

Actualmente non hai evidencias de que esta nova cepa cause máis mortalidade que as anteriores ou que afecte a vacinas e tratamentos. De feito, as vacinas xa se deseñaron tendo en conta que as mutacións son inevitábeis e tratando de previlas o máximo posible.

A distancia física pode ralentizar esta nova cepa?

Con esta nova cepa, a distancia entre individuos é aínda máis importante e necesaria, porque se o virus se transmite máis rápido, hai que intensificar as medidas para evitar o contacto.