O confinamento permite que a contaminación do aire urbano en Galiza diminúa en 58%

Vista da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela, en Redondela (Hombre de hojalata)

As medidas de restrición da circulación derivadas do vixente estado de alarma provocaron entre os días 14 e 31 de marzo o desplome do dióxido de nitróxeno. Na Coruña a diminución foi de 56%, mentres que en Vigo chegou a 60%.

 

O informe de Ecoloxistas en Acción “Efectos de la crisis de la COVID-19 sobre la calidad del aire urbano en España”, elaborado a partir de medicións oficiais en 24 cidades do Estado (incluídas A Coruña e Vigo) conclúe que a redución drástica do tráfico implica unha mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas. "A contaminación do aire urbano en Galiza cae en 58% durante a segunda quincena do mes de marzo", afirma esta organización.

Así, o documento, no que atinxe a Galiza, recolle os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) nas estacións urbanas de medición existentes na Coruña e en Vigo durante o mes de marzo de 2020 e dos dez anos anteriores. “Presenta polo tanto unha foto fixa da calidade do aire urbano no último mes, antes e despois da declaración do estado de alarma e as medidas de confinamento”.

Entre a súas principais conclusións está que desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, produciuse unha baixada  drástica dos niveis de contaminación atmosférica por dióxido de nitróxeno, que se cuantificou de 60% para Vigo e 55% para A Coruña, en comparación cos niveis de contaminación habituais nestas datas, durante a última década.

Os niveis de NO2 rexistrados durante o estado de alarma son os máis baixos para a segunda quincena do mes de marzo da última década en Vigo, na Coruña e no resto das cidades  analisadas. Mantéñense ademais moi por debaixo do valor límite e a guía anual da OMS, cando nas estacións de tráfico o devandito limiar supérase frecuentemente nalgúns días do mes de marzo.

O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbiles (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente vencellada ás emisións do tráfico motorizado, sendo esta a súa principal fonte nas cidades e o principal factor que inflúe na calidade do aire urbano.

É, ademais, un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e merma a resistencia ás infeccións, polo que a súa drástica redución é unha boa noticia, salientan Ecoloxistas em Acción, no contexto de emerxencia sanitaria actual.