Confederación Hidrográfica Miño-Sil reclama ao Concello de Lugo máis de 180 mil euros

Imaxe do dique [Lugo, cara ao Miño]

Responsabiliza o goberno local da construción ilegal dun dique no parque das Saamasas construído pola empresa INCA.

Adega e a Plataforma Lugo, cara ao Miño compareceron publicamente esta sexta feira (3 de xuño) para se pronunciar a respeito da proposta de resolución presentada ao Ministerio de Medio Ambiente pola construción dun dique na bacía do parque das Saamasas, o treito "máis protexido e sensible polos seus valores naturais" do río ao seu paso pola cidade amurallada, como denunciaban en decembro de 2015. 

A Confederación Hidrográfica exime de responsabilidades a empresa executora da obra

Malia as denuncias, o dique foi construído pola empresa INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil S.A., a entidade concesionaria da Fábrica da Luz. Porén, na súa proposta de resolución na que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil reclama a supresión da infraestrutura, responsabiliza unicamente o Concello de Lugo para o que pide unha sanción de 180.287,28€. 

E é que a Conferencia Hidrográfica entende que "é o Concello de Lugo o que está obrigado a que, se a execución da concesión se realiza por un terceiro, teña que vixiar que aquel cumpre" coa legalidade, segundo relata o instrutor da proposta. 

A bóla está agora no tellado do Ministerio de Medio Ambiente que debe decidir se obriga o concello a retirar o dique e se unicamente coida a institución responsábel. Neste senso, desde Adega e Lugo, cara ao Miño, aseguran que é "inxusto e reprobable que de novo teña que ser a veciñanza de Lugo a que pague, a través das arcas municipais e do sacrificio dos nosos bens públicos patrimoniais ou naturais, as infraccións ou ilegalidades acometidas por outros, ben sexa polo goberno municipal ou pola empresa executora". 

A decisión da Confederación prodúcese após as denuncias de Adega e a plataforma Lugo, cara ao Miño

Mobilización popular

"Hai que ter en conta que foi a protesta das veciñas e veciños de Lugo e a condena pública dos feitos as que obrigaron á Confederación Hidrográfica a actuar na comprobación da legalidade das obras. De non térmonos mobilizado, probablemente estas obras ilegais pasarían desapercibidas para a Confederación Hidrográfica e xa estarían consumadas", sinalan desde Adega e a plataforma. Neste senso, exixen que a empresa executora das obras asuma a súa responsabilidade. 

Así pois, instan o Ministerio a emitir unha resolución con "celeridade" para que a retirada da obra se produza "antes de que remate a época de estiaxe do río" co obxectivo de "reparar o dano". 

O Concello de Lugo di que retirará o dique mais que recorrerá a decisión se non se responsabiliza a empresa

Desde o Concello de Lugo, o responsábel de Medio Ambiente, Daniel Piñeiro, avanzou que se o Ministerio o require o goberno local retirará as obras mais anunciou que recorrerán a resolución se este exime a empresa INCA de responder perante a infracción. 

O treito no que foi construído o dique fai parte Zona de Especial Conservación, Rede Natura 2000  e zona núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño, alén de acoller 60 especies de aves, 5 hábitats de interese comunitario e diversas especies protexidas a nivel europeo, estatal e galego, das que dúas están en perigo de extinción (fento de río e mexillón de río).