CAE, que representa 9.000 escritoras e escritores de todo o Estado, solidarízase con Carlos Callón
A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores (CAE), composta por 15 entidades autorais de todo o Estado que representan a perto de 9.000 escritores e tradutores, expresou esta segunda feira nun comunicado a súa solidariedade e apoio ao escritor galego Carlos Callón ante os ataques en redes sociais polo seu novo ensaio Vidas e Historias LGBT da Idade Media.
"Expresamos nosa máis rotunda condena a quen busca o silencio e o medo como instrumentos de debate, facendo da confrontación, a descualificación e o acoso", asegurou a entidade, que enxalza que un texto investigue a diversidade e a identidade de xénero ao final da historia.
Desta maneira, CAEexpresa o seu "pleno" apoio á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na defensa de Callón. A entidade manifesta o seu apoio ao acto creativo e tamén ás achegas realizadas para a análise da diversidade e as identidades de xénero.
"Os posíbeis desacordos nunca poden conter ameazas, e as opinións diversas nunca poden buscar o silencio e a uniformidade. A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fortalece o noso sistema literario", sinala CAE.
Ademais, a entidade asegura que a liberdade de expresión e de creación é un ben "esencial" das sociedades democráticas e está consagrada no Artigo 20 da Constitución. "O achegamento á nosa historia, tentando iluminar o esquecido, o oculto e o prohibido, será sempre motivo de alegría e debate para as nosas letras", subliña CAE.
A CAE naceu en 2024 e ten entre os seus membros fundadores a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), así como entidades de autores e autoras de >Euskal Herria, Catalunya, Asturias... e así até un total de 15 asociacións.
O escritor Carlos Callón denunciou publicamente nunha rolda de prensa o pasado 20 de xaneiro a "forte campaña de acoso" posta en marcha por mor desta obra, á que definiu como un libro que "incomoda".
A publicación dun anticipo do libro — O 'santo atrevimento' trans na Galiza medieval— no Sermos Galiza número 640 suscitou o interese da comunidade lectora mais tamén desencadeou unha serie de mensaxes de "odio e ataques persoais nas redes sociais" cara a Callón, como denunciaron colectivos contra a LGTBIfobia.

