Conectadas coa realidade. Nós, xornalistas

Unha alumna cun exemplar de 'Nós Diario'. (Foto: Susana Montesinos)
Na miña casa non lemos isto, di Sofía e colle o exemplar que lle entrego de 'Nós Diario' coma se fose un artefacto estraño. E logo, non ledes en galego? Non, non lemos en papel. 

Efectivamente, o primeiro día que levei os 20 xornais, a actividade provocou un pouco de sorpresa. De maneira que mesmo xurdiu o debate sobre a prensa en papel versus dixital. A este perfil de alumnado chégalles antes a información a través de Instagram que por calquera outro medio, len máis en liña que en papel. Estamos no módulo de Comunicación e Sociedade, do primeiro curso de FP básica, en Someso, A Coruña. O alumnado ten entre 16 e 18 anos, son nativos dixitais, segundo a moi coñecida metáfora de Marc Prensky.

No marco da celebración do Día da prensa no ensino que se celebrará na segunda semana de marzo, propomos o reto de redactar uns artigos de opinión e unhas entrevistas do alumnado ao profesorado. Teño que confesar que a resposta foi moi positiva, cando o habitual é que estas actividades sempre teñan adeptos e detractores. Hai alumnado que se engancha con moita rapidez aos proxectos e mesmo os considera atractivos. Por outra banda, hai quen prefire algo máis tradicional, sexa o que for aprender lingua e literatura de forma tradicional. Iso si, por unha vez, durante unhas sesións a clase de lingua non só xira arredor duns contidos teóricos senón que fala de nós, da actualidade. Quero dicir, ao longo destes días pasaron polas nosas mans novas sobre as vacinas, as restricións perimetrais, os eólicos, a conmemoración do día de Rosalía ou o Entroido na ollada de Tono Arias, por dar algúns exemplos.

Decátanse que fronte á exposición constante á que nos someten as redes sociais, é importante deterse e preguntarse de onde ven esa información ou esas publicacións que nos chegan a cada segundo. Alén diso, no proceso de escribir un artigo de opinión desveláronse os seus centros de interese, xurdiron temas como o bullying, a transfobia ou o consumo de pornografía entre adolescentes. En relación ás entrevistas, partimos do modelo da contracapa do diario “Avante toda”. Seleccionaron o profesorado a quen querían entrevistar e pensaron as tres preguntas.

Achegáronse co móbil e gravaron as respostas que máis tarde transcribiron, quitaron unha foto e redactaron unha breve biografía do ou da entrevistada. E, por último, a maquetación. Foi todo un reto e tamén unha maneira de coñecermos mellor. É dicir, descubriron que o xefe de estudos é de Boimorto ou que eu mesma son de Barcelona. Mais non só iso, senón que esas preguntas tamén trataban sobre como viviron o primeiro confinamento, por que se dedican á docencia ou a opinión sobre o futuro da educación online. 

Comprobamos o poder dos discursos para influír e crear estados de ánimo, opinións ou formularse representacións sobre uns feitos

Pola súa parte, o artigo de opinión permitiunos constatar que a creación dun texto é un proceso longo e que require certas estratexias. E traballando nisto, constato que están afeitos ás respostas rápidas, aos textos breves. Malia todo foron quen de planificar o texto, elaborar un guión, redactar, revisar, corrixir e intentar axustarse aos caracteres exixidos. 

Estes días nos que traballamos co xornal na aula, limos e comparamos diferentes textos xornalísticos desde noticias, entrevistas, artigos de opinión e reportaxes. Afondamos no coñecemento do potencial comunicativo no verbal da linguaxe impresa. Se cadra, a publicidade e o xornalismo son os dous ámbitos que máis proveito quitaron dese aspecto. A primeira impresión que nos chega dun texto é a visual. E como bos e boas lectores e lectoras sabemos distinguir certas convencións estabelecidas. Vivimos inmersos nun contorno hipermediático e malia que se fala de “nativos dixitais” a miña experiencia dime que o alumnado chega ao instituto cunha experiencia dixital variada. E cómpre que desenvolvan certas competencias como a de contrastar a información que lles chega, distinguir as fontes de información fiábeis das que non o son. É dicir, a nosa tarefa é dotar o alumnado de ferramentas que lles permitan ser lectoras e lectores críticos. Un exercicio moi sinxelo que lles propuxen foi comparar os titulares dunha crónica futbolística. É moi doado constatar como un acto deportivo, televisado ou visto en directo por millóns de espectadores, se interpreta de maneiras moi variadas. E comprobamos o poder que ten o discurso para influír e crear estados de ánimo, opinións ou formular representacións sobre uns feitos. 

Por outro lado, a medida que ían avanzando as sesións, abordamos as noticias non só desde unha análise cognitiva senón tamén emocional. Este ano, como non podía ser doutro xeito, os nosos intereses informativos xiran arredor das novas sobre a pandemia. Xusto empezamos esta actividade no medio da terceira onda. Mais tamén tivemos tempo de falar doutros temas de actualidade, como os parques eólicos no Courel e A Veiga. A actividade non só implicou o profesorado e o alumnado, tamén as familias xa que levaban cada día o diario para as súas casas de maneira que era unha forma de facer que o proxecto transcendera máis alá do propio instituto.