Coñeces os síntomas do golpe de calor? Isto é o que debes facer

Ourense alcanzou esta terza feira o seu máximo histórico. (Foto: Europa Press)
A vaga de calor que vive a Galiza aumenta as posibilidades de sufrir un golpe de calor, unha afección que, se non é ben tratada, pode ser fatal.

A vaga de calor que está a vivir estes días a Galiza deixou no día de onte dous datos rechamantes. A cidade de Ourense marcou o seu máximo histórico, con 43,3 graos centígrados. Ademais, a maior parte do país tivo mínimas superiores aos 25 graos centígrados durante a noite da terza para a cuarta feira.

Neste contexto, aumentan as posibilidades de poder sufrir un golpe de calor. Esta afección, de carácter grave, pode producir dor de cabeza, mareos, debilidade muscular, cambras, náuseas e vómitos e, nos peores casos, un colapso.

No caso de estar a sufrir un golpe de calor, o máis importante é chamar canto antes a urxencias. Mentres os servizos sanitarios non chegan, é imprescindíbel reducir a temperatura corporal.

Para poder arrefriar o noso corpo, debemos beber auga a pequenos sorbos e meternos nunha habitación que estea a escuras, retirando a roupa e empregando panos mollados en auga fría sobre a fronte, a caluga e o peito. No caso de que haxa máis persoas con nós, poden darnos aire con un abano, ou estar pendentes mentres nos damos unha ducha de auga fría.

Recomendacións para evitar a calor

Desde o Ministerio de Sanidade veñen de compartir unha serie de consellos e recomendacións para evitar estes golpes de calor e, na medida do posíbel, superar con comodidade o episodio da vaga de calor.

O máis importante e beber moita auga e líquidos hidratantes, evitando bebidas alcólicas e moi azucradas, mesmo se non temos sede. O recomendábel é beber cada media hora. Tamén debemos facer comidas lixeiras, que nos permitan recuperar nutrientes que perdemos pola suor.

Sempre que poidamos, debemos permanecer en lugares frescos e con sombras, evitando facer actividades no exterior, a non ser que sexan imprescindíbeis, e sempre empregando roupa lixeira e de cor clara. No fogar, debemos ter as persianas baixadas para evitar que entre a luz do sol directamente. Ademais, debemos manter as ventás pechadas, especialmente nas principais horas de calor.

Se temos que traballar, debemos evitar empregar máquinas que produzan directa ou indirectamente calor. Tampouco debemos pasar demasiado tempo no interior dos vehículos, especialmente nas horas centrais do día, nin deixar persoas vulnerábeis (crianzas e anciáns) ou mascotas no interior dun automóbil pechado.