'Coñecer', o suplemento de Nós Diario sobre historia, memoria, patrimonio e arte, estréase esta terza feira

(Daniel Río 'Caxigueiro')

As moedas do Reino da Galiza, unha pequena conversa-retrato co último militante da guerrilla vivo ou un percorrido polas Ribeira Sacra e as súas xentes, entre as propostas.

'Coñecer' publícase esta terza feira, día 26, con Nós Diario. E que é `Coñecer'? Pois un dos cinco suplementos temáticos que, de terza a sábado, acompañarán Nós Diario. Un espazo para a arte, o patrimonio, a memoria e a historia que se publicará todas as terzas feiras, con catro páxinas a cor e deseño de Pepe Barro.

Paula Verao achéganos á Ribeira Sacra e as súas xentes, Daniel Río 'Caxigueiro' fálanos do libro-obxecto, Alexandre Peres achéganos ás moedas do Reino da Galiza, Xosé Álvarez lévanos a aquel 1 de maio de 1936, e Francisco Martínez López, 'Quico', o último militante vivo da guerrilla galega protagoniza unha conversa.

Son as propostas que los lectores e lectoras de Nós Diario van poder atopar nesta entrega do 'Coñecer'. O suplemento quer ser un espazo en construción e aberto á participación de todas aquelas persoas interesadas nos citados campos. Entre as súas colaboradoras e colaboradores atópanse, a respecto das artes plásticas, o creador Daniel Río “Caxigueiro”; a recoñecida crítica de arte Mercedes Rozas; o profesor da USC Miguel Anxo Rodríguez e a comisaria Silvia Fiallega. A área de patrimonio vai contar coas sinaturas do escritor Lois Diéguez; do investigador e membro de Patrimonio dos Ancares Xabier Moure; da activista e directiva da asociación Colado do Vento de Sober Paula Vázquez Verao; do etnógrafo Calros Solla e do especialista en cultura marítima e patrimonio somerxido Fernando Patricio Cortizo.

Ao tempo, nas seccións de historia e memoria, escribirán a investigadora e xornalista Montse Fajardo; o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez; o secretario da revista Murguía Prudencio Viveiro; o historiador Carlos Méixome; o investigador Eliseo Fernández; o filosofo e activista de Iniciativa Galega pola Memoria Xoán Carlos Garrido ou o historiador experto no reino da Galiza Alexandre Peres Vigo.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de ‘Nós Diario’ no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións,.