Un condutor dáse á fuga após atropelar dous operarios na AP-53

Autoestrada AP-53 en dirección Santiago, onde se produciu o atropelo. (Foto: Itínere)
O accidente produciuse no quilómetro 9,4 da autoestrada en dirección Santiago.

Dous traballadores das obras que se están a realizar na autoestrada AP-53, cuxa concesión ostenta a filial do Grupo Itínere —matriz, entre outras, de Audasa— Acega, resultaron feridos esta quinta feira ao ser alcanzados, á altura do muncipio de Vedra (comarca de Santiago), por un turismo que non se detivo posteriormente a socorrer os operarios.

Deste accidente rexistrado á primeira hora da mañá de hoxe no punto quilométrico 9,4 da autoestrada en dirección Santiago de Compostela informou hai escasos momentos a central de emerxencias do 112-Galiza, que mobilizou até o lugar os efectivos de Urxencias Sanitarias do 061 para atender os feridos. Xa foron evacuados ao policlínico A Rosaleda de Santiago.

Unha persoa ferida nun accidente múltiple na A-55

Por outra parte, un accidente no que se viron implicados un tráiler e outros tres vehículos saldouse cunha persoa ferida e alterou a circulación na A-55, ao seu paso por Tui (Baixo Miño), onde se rexistraron retencións quilométricas. Segundo informou o 112, a persoa ferida foi trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Após o accidente, debido ao impacto, rebentou o depósito de combustíbel do vehículo articulado, que foi derramado pola calzada. O 112-Galiza tivo constancia deste accidente contra as 8.40 horas mediante a chamada dun particular que indicaba que non había persoas atrapadas, pero que o tráfico estaba "completamente parado" na A-55, no quilómetro 29, á altura de Randufe, en Tui.

Após recibiren o aviso, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia e da Garda Civil de Tráfico, que xa tiñan constancia do suceso. Tamén a Policía Local estaba xa no lugar dos feitos.

Foron informados igualmente polo 112-Galiza os Bombeiros do Porriño e do Morrazo, así como os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento da vía.