Condenan o sindicalista López Pintos a seis meses de prisión por "atentado contra a autoridade"

Pintos, nun momento da detención

A Audiencia condena o sindicalista “por agredir a un policía durante unha protesta por un acto electoral do PP en Ferrol”. Absolven o funcionario do 091 dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou o que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol, López Pintos, a seis meses de prisión “por agredir un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral”. Nestas semanas decorreron diferentes mobilizacións en Ferrol para reclamar a absolución do sindicalista. Nunha entrevista con Sermos Galiza, o propio Pintos situaba o xuízo no marco dunha aposta do  “sistema, que quere meterlle medo á xente e que non proteste”

O tribunal considerouno culpábel dun delito “de atentado contra axente da autoridade”, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado “agarrou cunha man a un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco”. A Audiencia sinala  que o axente “tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado tentaba evitalo fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado o axudou”.

“As testemuñas que declaran por instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos”, recalca a Audiencia.