LóPEZ PINTOS, RESPONSáBEL COMARCAL CIG-FERROL

“Estaba esposado a unha cadeira na comisaría. Un policía batíame mentres o resto miraban”

López Pintos

A Audiencia provincial da Coruña mandou abrir instrución pola denuncia de torturas presentada polo representante da CIG en 2012, após a súa detención no marco dunha protesta contra o PP. Falamos con Xesús A. López Pintos daquel día.

 

 

Xesús Anxo López Pintos, responsábel comarcal da CIG-Ferrol, presentara en 2012 unha denuncia por un presunto delito de torturas contra un policía. López Pintos fora detido no marco dunha protesta convocada polos Comités de Navantia e Poligal, coincidindo co acto de inicio da campaña electoral do PP ás autonómicas de 2012. A Audiencia Provincial da Coruña emitiu esta semana un auto polo que, segundo o sindicato nacionalista, dá á razón ao responsábel comarcal da CIG-Ferrol, López Pintos, e obriga o xulgado a esgotar a instrución a respecto da denuncia que presentou por tortura e malos tratos.

- A decisión da Audiencia Provincial vén, indica a CIG, “deslexitimar as pretensións do xulgado de instrución ferrolá de arquivar a súa denuncia sen esgotar todas as dilixencias”. Como valora a decisión?

- En principio é positiva, polo menos dáme azos e un marco legal para poder defenderme. Cando fun detido a policía denuncioume por “atentado” e por “desordes”. Eu denuncie maos tratos e torturas adxuntando diversas probas. Mais o xuíz arquivou o caso baseándose nun informe do propio comisario xefe no que dicía que na noite da miña detención na Comisaría de Ferrol non acontecera nada anormal. Que agora a Audiencia Provincial mande abrir instrución pois é un paso na dirección positiva, a ver a partir de agora que acontece.

"Estaban nervosos e optaron por cortar de raíz calquera protesto. Si, quizá quixesen dar un escarmento para “acojonar”. 

- Os feitos que denuncia aconteceron hai case tres anos. Tiña xa perdida a esperanza de que as súas denuncias fosen atendidas?

Xa estou curtido nestas cousas. Teño sesenta anos e xa fun detido noutras ocasións. Mais o que desta vez (en referencia a outubro de 2012) pasou en Comisaría... Ademais, non é que esa noite houbese moitos movementos de resposta ou solidariedade e iso desanima un pouco. Estamos a falar dunha cidade onde antes, se a policía detiña un sindicalista e o levaba a Comisaría, ardía Ferrol, non teñas dúbida. Esta cidade está curtida en mil batallas, e que non dese contestación pois é algo que doe un pouco. Porque máis que xustiza eu no que creo é na mobilización dos traballadores na defensa dos seus dereitos.

- Falaba antes dun informe do comisario no que dicía que esa noite na Comisaría non pasara nada fóra do común. Que foi o que pasou?

- Detivéronme a porrazos e golpes na cabeza durante a protesta convocada polos Comités de Navantia e Poligal contra o PP. e metéronme nun vehículo da policía no que me levaron axiña para a comisaría. Ao entrar, sangrando pola cabeza, atordoado... vin como 15 ou 20 axentes. Leváronme para un banco, onde me sentaron esposado. Alí un axente xa comeza a dicirme que me vou acordar del, que me vai empapelar e que vaia 3 días me esperan alí... Despois puxo unha luva e deume tres hostias na cara, e despois porrazos nas pernas. Eu esposado á cadeira, o policía a bater en min e os outros policías que alí estaban mirando e sen dicir nada. Entraban anti-disturbios e dicían “a estos hijos de la puta les vamos a dar bien”. Eu pedíalle que deixase de pegarme, que me levasen ao médico. Perdín a noción do tempo. De madrugada leváronme ao centro de saúde onde o médico me fixo un exame superficial e dixo aos axentes que se me pechaban nunha cela que vixiasen que non me desmaiase. Ao día seguinte pasei a disposición xudicial. Denunciei o que pasou e o xuíz dixo que o ía investigar.

"Máis que xustiza eu no que creo é na mobilización dos traballadores na defensa dos seus dereitos"

- Considera que en vosté, por ser un responsábel sindical, houbo algo de “castigo exemplar” tendo en conta que aconteceu nun tempo, 2012, de forte mobilización social en Ferrol e no resto de Galiza?

- Era o inicio das eleccións autonómicas e o do PP con esta cidade e comarca era grave, facendo promesas que non se cumprían, cunhas taxas de desemprego altas, o naval abandonado...Estaban nervosos e optaron por cortar de raíz calquera protesto. Si, quizás quixesen dar un escarmento para “acojonar”.