Xustiza

O Sergas deberá indemnizar un paciente que tivo que operarse na privada durante a pandemia

Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
O paciente, dada a demora en ser intervido por unha hernia discal, acudiu á consulta dun doutor na privada que tamén traballaba no sistema público.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra vén de condenar o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a pagar en concepto de indemnización 7.140 euros a un paciente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, por ter que acudir a operarse dunha hernia discal ao Hospital Nuestra Señora de Fátima, centro privado de Vigo, como consecuencia da reordenación de recursos durante a primeira vaga da Covid-19, na primavera de 2020.

O doente reclamaba máis de 12.000 euros por estes feitos, mais o maxistrado estimou a súa reclamación só en parte, determinando que non proceden os 5.000 euros que pedía por danos morais dada a celeridade coa que se efectuou a diagnose. Segundo recolle a sentenza, con data do pasado 12 de xuño, o afectado, de 44 anos de idade, acudiu "en reiteradas ocasións" entre marzo e abril de 2020 ao seu centro de saúde do Grove (O Salnés) e ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) por "dor intolerábel" a pesar da medicación.

Déronlle a alta hospitalaria cunha cita para un mes despois para "valoración". Ese diagnóstico, explica o auto, recollía "unha dor moi intensa e incontrolábel nas costas, restrición de capacidade deambulatoria e o temor razoábel a un agravamento da doenza, con risco de perda funcional dalgún membro".

Así pois, este paciente solicitou unha segunda opinión na consulta privada do doutor que lle recomendaron, que ademais traballaba tamén para o Sergas no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Foi á súa consulta no Hospital Nuestra Señora de Fátima, onde se operou.

A Xunta, durante o xuízo, sostivo que acudira a esta clínica "pola súa propia vontade" e que non se cumprían os requisitos estabelecidos para a cobertura de gastos por parte da Administración porque non era unha "urxencia vital". Con todo, o maxistrado explica na súa sentenza que foi "correcta" a decisión do home de intervirse na sanidade privada, á vez que subliña que o gasto que tivo que asumir "reúne os requisitos de antixuridicidade" estabelecido no artigo 32 da Lei do Réxime Xurídico do Sector Público.

Por este ,motivo, ve procedente que a Consellaría de Sanidade o compense. Así, subliña que, de non practicárselle a operación nesas datas, "tería que soportar, innecesariamente, durante un longo período de tempo, unhas dores moi intensas, así como os efectos secundarios da medicación paliativa prescrita, con risco de agravamento da lesión de columna".

Aliás, o xuíz destaca a rápida intervención na clínica privada, o que lle aforrou ao Sergas "o montante equivalente que conlevaría a realización da operación no hospital público". Isto tamén lle permitiu "liberar quirófano, cama e UCI" para pacientes coa Covid naquela primeira vaga da pandemia.

Sobre a contía da indemnización, o maxistrado fíxaa en 7.140 euros, que son 5.000 menos do solicitado polo paciente en concepto de dano moral, porque a intervención "practicouse moi poucos días despois do diagnóstico definitivo da doenza, producíndose nun tempo razoábel".