Sanidade pública

O Condado manifestarase esta quinta feira en Salvaterra en defensa da sanidade

Concentración en Salvaterra (Foto: Nós Diario).
Protesta en Salvaterra do Miño convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta. Na Mariña denuncian atrasos de consultas no hospital da comarca.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta convocou para esta quinta feira unha manifestación en Salvaterra de Miño (praza de Abastos, 20.30 horas) en protesta pola actual situación sanitaria. A través das redes sociais, a plataforma asegura que "despois de máis de 14 días sen citas médicas e só atendendo ás urxencias deciden quitar un médico do centro de saúde de Mondariz para mandalo ao de Salvaterra" e engade que "posteriormente tampouco houbo servizo de enfermaría".

Desde o BNG de Salvaterra denuncian que seguen os problemas “de escaseza de persoal médico” e denuncian que está en risco “a saúde das veciñas e veciños de Salvaterra que se ven privados do normal funcionamento dun servizo básico como é a Atención Primaria”.

Por este motivo alentan “a veciñanza a que participe e se sensibilice na defensa deste dereito esencial”. 

Atrasos na Mariña

Por outra parte, no norte do país un paciente denunciou que desde o Hospital da Mariña atrasáronlle a consulta de neuroloxía para controlar o tratamento dunha patoloxía en contra dos criterios do neurólogo.

A pauta médica indicaba unha revisión para tratar un diagnóstico de Parkinson, con cita para o 31 de maio, e despois unha revisión, para o 14 de xullo. Desde o hospital atrasáronlle a consulta ao 15 de novembro, catro meses despois da proposta médica. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña presentou unha reclamación o 11 de xullo que non obtivo resposta. 

Por outra parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou onte que está implantada unha "parte importante" dos acordos de melloras laborais. Lembrou que a partir de xaneiro cobrarase o complemento compatíbel entre a sanidade pública e a privada.