Conclúe o coleccionábel sobre os primeiros xornais en galego

Detalle coas capas dos diferentes xornais galegos tratados durante o coleccionábel (Imaxe: Nós Diario)
As entregas do curso de horta na casa 'Mans á Terra' arrancan mañá.

A entrega sobre a publicación monfortina A Voz do País pon remate ao coleccionábel sobre a prensa en galego entre 1840 e 1912, que Nós Diario ten distribuído ao longo do mes de marzo. Segundo o autor do traballo referido a este xornal, o historiador Xesús Torres, trátase “dun semanario na transición do rexionalismo ao nacionalismo, previo á eclosión das Irmandades da Fala, que tivo como director a Victoriano Rodríguez Gómez, membro de Solidaridad Gallega e un dos asinantes do Centro Solidario de Monforte, xunto co notario Banet Fontenla”. Neste sentido, Torres desmente o equívoco sobre a adscrición da publicación a Solidaridad Gallega”, xa que “en 1912 o movemento Solidario xa estaba morto”.

O coleccionábel das primeiras manifestación xornalísticas en galego ocupouse de 14 cabeceiras. A primeira delas, O Seor Pedro, saíu do prelo en 1840, debendo agardar a 1860 para que unha publicación semellante, O Vello do Pico Sagro, vise a luz, sinalando o autor dos estudos introdutorios sobre as mesmas, Xoán Costa, que “O Vello do Pico Sagro como O Seor Pedro podemos consideralo máis un exemplo de protoxornalismo”. Porén, Costa, autor tamén dos traballos referidos O Tío Marcos d’A Portela, A Monteira, O Labrego e As Burgas, entende que “se hoxe existe prensa galega é polo labor pioneiro destas publicacións”.

A colaboradora de Nós Diario Cilia Torna, autora dos estudos referido a Galicia, Cencias, Literatura, Artes; A Gaita Gallega; O Novo Galiciano e A Tía Catuxa destaca a intencionalidade política existente tras as mesmas. “Foron unhas expresións do movemento rexionalista, que actuaron como organizador colectivo e ferramentas de axitación do mesmo.

Os seus contidos responderon á orientación das publicacións da corrente social protonacionalista, destacando pola súa firme defensa da lingua e da creación cultural en galego, a súa denuncia do caciquismo, como exemplo máis definitivo da democracia desvalorizada do réxime político da I Restauración borbónica e a súa critica ás condicións de vida das maiorías sociais do país”.

Novo coleccionábel: ‘Mans á terra”

O remate das entregas sobre a prensa en galego dá paso a un novo coleccionábel titulado Mans á terra. A publicación, que se achegará aos lectores e lectoras de Nós Diario da terza á sexta feira durante o mes de abril, comprende 17 leccións básicas para poder comezar a cultivar a horta desde cero, cunha aproximación aos principios da agricultura ecolóxica, reparando na reutilización de materiais que habitualmente acaban no lixo, así como na preparación de remedios naturais e caseiros para fortalecer e protexer a horta.

A autoría do fascísculos de Mans á terra corresponde a Eva Cameán (Carballo, 1994), voluntaria e monitora da escola ambiental da Asociación Senda Nova e unha das impulsoras da horta comunitaria Sementando no Espazo de Carballo. Afirma que “é un curso que fornece dos coñecementos necesarios para comezar a cultivar unha horta na casa, e que pode pór en práctica tanto quen dispoña dun espazo de terra grande como para quen viva nun piso, teña ou non varanda”. 

“As lectoras e os lectores atoparán neste suplemento as nocións básicas para cultivar por si mesmas dun modo sustentábel, respectuoso co medio, apostando pola ecoloxía e a reutilización de elementos”, destaca Cameán, quen engade que “paso a paso, de forma cronolóxica e ordenada, iremos vendo o que cómpre facer, adquirindo coñecementos básicos para poder comezar a cultivar a horta desde cero”.