Conchi Martínez, propietaria do Costillar: "O local ten un ambiente moi agradábel e acolle calquera persoa"
—Cal é a historia do Costillar? Cando empeza a súa traxectoria nel?
O local foi inaugurado por outros propietarios, hai aproximadamente 21 anos. Eu levo case 12, inicialmente quería alugalo, mais os meus pais animáronme a compralo, porque ademais era un local xa montado. Eles son autónomos de toda a vida e eu estaba traballando en hostalaría, nun posto parecido a ser encargada, e co seu alento lanceime á aventura, convertinme na propietaria do local e agora estou encantada.
—Cal é a súa oferta en relación á carta?
Os primeiros propietarios tiñan aquí un restaurante, mais eu enfoqueino cara á cafetaría, centrámonos nas bebidas, nas cervexas. Pero temos os nosos almorzos e merendas que intentamos traballar bastante. Hai unha pequena carta con torradas, croissants de distintas variedades, algo de bolaría, etc. E despois a tapa de churrasco dos venres á noite, a modo de recordo do local inicial.
Temos tamén cociña por encargo, facemos comidas para grupos e adaptámonos ao que pida a clientela. Xeralmente é o típico, carne á grella, carne de porco, churrasco, algo de peixe e incluso marisco se o piden.
—Hai actividades sociocultural no estabelecemento?
Colaboramos con distintas asociación de Rianxo, polo que moitas veces, cando o tempo non acompaña, acollemos no Costillar actividades, por exemplo concertos. O máis recente foi o concurso de artistas emerxentes, que nun principio ían facelo en exterior, de feito a primeira eliminatoria foi así. A segunda ía ser nos xardíns da Martela, os que temos ao noso carón, mais daban chuvia e falaron comigo para colaborar e facelo aquí, saíu ben e seguiron coa terceira e até o final. E agora proximamente temos outra colaboración para as festas e farán aquí un concerto.
—Ademais colaboran coas actividades de hostalaría de Rianxo...
Si, eu tento colaborar con todo o que se organiza aquí. Participamos todos os anos no roteiro de tapas de xouba e no Máis que Tapas que organiza Barbanza Arousa. O que facemos adoita ser tapas clásicas, eu son moi sinxela nese sentido e gústame facer algo co que sei que vou acertar e que lle guste á xente.
—Como é o ambiente, que clientela adoita ir?
É un bar que acolle calquera tipo de xente, temos de todas as idades. Temos unha zona para nenos con escritorios para que pinten e xoguen cos balancíns. Despois hai un acuario que tanto a nenos como a máis maiores lles chama a atención e relaxa bastante. Entón eu considero que é un ambiente agradábel.
—Para rematar, por que escolle Nós Diario como opción para ler no Costillar?
Porque é un diario da casa, da terra. No local tivo moi boa acollida, á xente gústalle a proximidade das noticias. Non sei canto tempo fai que o teño mais agora xa non se me ocorrería quitalo, os días que non hai número, domingo e luns, xa hai clientes que preguntan polo xornal, e aí é cando te das conta de que queren ese diario.
Variedade de cervexa
Segundo Conchi Martínez, a propietaria, "O Costillar non é un lugar único, non destaca por algo en xeral mais si por pequenas cousas que nos fan distintos". Entre elas, destaca os almorzos, a tapa dos venres e, en especial, a variedade de cervexas. O ano pasado foi a través dunha promoción os venres á noite, Conchi afirma que continua impulsando a cervexa, en concreto a Mahou, "por unha cuestión de diferenciación". Por iso, un dos puntos fortes deste estabelecemento é a oferta desta bebida, con "distintas variedades do grupo Mahou-San Miguel, mais incido moito na cinco estrelas, que é a que máis público ten".
Café Bar O Costillar / Rúa Os Gudiños, 8 / Rianxo, O Barbanza