As Conchas, baixo o xugo da contaminación pola proliferación de cianobacterias

Encoro das Conchas.
O último reconto de cianobacterias no encoro das Conchas, na Limia, confirma unha alta concentración de toxinas que obriga a suspender o baño e as actividades acuáticas en dúas localizacións dos concellos de Bande e Muíños ante a elevada probabilidade de efectos adversos para a saúde.

Amigos da Terra vén de alertar dun "considerábel empeoramento" da calidade da auga do encoro das Conchas por mor da proliferación de cianobacterias, un microorganismo que contamina a auga.

Unha denuncia recorrente desde hai unha década por parte dos colectivos ecoloxistas da Limia ante a alta concentración de nitratos procedentes das macrogranxas de polos, porcos e gando vacún instaladas na comarca e a "deficiente" xestión dos residuos gandeiros.

A produción intensiva destas explotacións xera unha carga equivalente á de máis dun millón de habitantes que contaminan os acuíferos e masas de augas subterráneas da chaira limiá, sinalan.

Risco para a saúde

Nesta ocasión, a primeira chamada de atención realizouna o pasado 26 de xullo. Segundo informou as augas do encoro volveron tinguirse de verde ao se incrementar de forma alarmante a presenza de cianobacterias no lugar de Portoquintela, no concello de Bande, na Baixa Limia; "favorecidas polas altas temperaturas, máis horas de luz solar e un exceso de nutrientes, principalmente nitratos procedentes das explotacións gandeiras da comarca", o caldo de cultivo perfecto para o inzamento destes organismos que elevan a toxicidade das augas estancadas.

Dúas semanas despois, a asociación ecoloxista comunica un agravamento da situación. O último reconto de cianobacterias estendeu a alerta á zona do Corgo-A Rola, no municipio de Muíños, ao acadar, tamén, o nivel máximo e elevar o risco potencial de enfermidades en contacto coa auga por exposición ou inxestión.

Información áxil e puntual

"O reconto de cianobacterias supera as 100.000 cél/ml ou ben cuantifícanse toxinas nas análises realizadas ou detéctanse espumas e natas de cianobacterias en áreas onde pode existir contacto directo cos bañistas e/ou existe risco de inxestión/aspiración", sinala o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, que recomenda prohibir o baño e as actividades acuáticas tanto na zona de Portoquintela, en Bande, como na zona do Corgo-A Rola, en Muíños. Un veto que se encargan de trasladar as autoridades locais á espera dun novo informe de Saúde Pública.

Neste sentido, Ecoloxistas en Acción denuncia "a irresponsabilidade da Consellaría de Sanidade á hora de informar á xente sobre a posibilidade de bañarse no encoro das Conchas". Como Administración competente das praias fluviais, apunta a asociación, debe "actualizar" e "informar os Concellos" de forma áxil "para a colocación de cartaces que informen debidamente da situación das augas, perigosas para a saúde das persoas".

Xestión dos residuos gandeiros

Desde Amigos da Terra insisten en que estes episodios recorrentes de contaminación por cianobacterias, "non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións das comarcas da Limia e Baixa Limia, como se indica nun informe recente realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica que tamén alerta do risco de contaminación por nitratos que existe nas aguas dos ríos en varios puntos destas comarcas".

Encoro das Forcadas

Doutra banda, o colectivo ambientalista lembra que o encoro das Forcadas, no concello de Valdoviño, tamén está oficialmente en estado de alerta pola presencia de cianobacterias nas súas aguas ao alcanzarse o nivel máximo de risco de proliferación de cianobacterias que afecta á calidade das augas.