A segregación por sexos, no punto de mira dos concertos educativos

Cinco colexios da Galiza vencellados ao Opus Dei manteñen concertos educativos malia separar o alumnado en función do sexo. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O Supremo tombou en 2014 a concesión de concertos educativos a escolas que separan o alumnado en función do sexo, unha decisión solapada pola entrada en vigor da Lomce, que recollía explicitamente o dereito destes centros a acceder a financiamento público. Agora, coa aprobación da Lomloe —pendente dun recurso de inconstitucionalidade— e a consecuente prohibición de sufragar os colexios segregacionistas, a Xunta vén de publicar o regulamento da convocatoria até 2029 cunha redacción ambigua que, denuncia a CIG-Ensino, abre a porta a manter estes concertos.

Separar o alumnado en función do sexo constitúe, segundo dispón a Lei Orgánica 3/2020 de Educación, a coñecida como Lomloe, a prohibición de acceder ao réxime de concertos coa Administración ou a calquera tipo de financiamento público. Porén, a nova normativa estatal podería ser declarada inconstitucional polo tribunal de garantías a comezos de marzo, cando os maxistrados debaterán os recursos presentados por PP e Vox.

Entre tanto, a Xunta da Galiza vén de publicar no Diario Oficial da Galiza (DOG) a orde que dispón os requisitos para optar aos concertos de cara aos próximos seis cursos escolares —do 2023-24 ao 2028-29— e na mesma non se menciona especificamente esta mudanza lexislativa que impediría seguir obtendo cartos públicos a cinco colexios vinculados ao Opus Dei —Aloia, As Acacias e Montecastelo, en Vigo, e Peñarredonda e Montespiño, na Coruña— que teñen en vigor unidades educativas concertadas.

Precisamente estas concesións foron tombadas en última instancia polo Tribunal Supremo en 2014, que estimou un recurso da CIG-Ensino do que finalmente se 'salvaron' estes centros pola aprobación da Lomce, que recollía claramente que a segregación non era impedimento para optar aos concertos.

O mesmo sindicato olla con receo a última resolución da Consellaría, que obvia nos requisitos a garantía do "principio de coeducación" á que si aludía a orde que regulaba os concertos durante o Goberno de coalición PSdeG-BNG. Pola contra, a nova convocatoria dispón que "para a renovación do concerto educativo terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación". A CIG entende que esta redacción do texto, novidosa en comparanza coa orde reguladora dos concertos de 2017, a precedente, que non apuntaba este suposto para a renovación, busca permitir que os centros vinculados ao Opus Dei que separan o alumnado en función do sexo manteñan o concerto.

Para a renovación do concerto "terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación", recolle a orde

"É totalmente intencionada a omisión desta referencia", aseveran desde a central sindical, ao tempo que alertan da "posibilidade" de que a Administración educativa, "levada polas súas ataduras e prexuízos ideolóxicos, busque condicionar o resultado da concesión dos concertos". No caso de que os centros que segregan por sexo volvan saír beneficiados desta convocatoria, adiantan, recorrerán a decisión novamente nos tribunais.

Desde a Consellaría de Educación, pola súa parte, afirman que o texto publicado no DOG é "moi claro" sobre o respecto á legalidade. O responsábel deste departamento, Román Rodríguez, afirmara en outubro pasado que a Xunta "cumpre e cumprirá" a lexislación vixente se así se acorda finalmente, lembrando que a Lomloe está en mans do Constitucional.

Nós Diario preguntou á Consellaría, á vista da ambigua redacción desta orde reguladora e das palabras de Rodríguez, se se permitirá aos colexios que segregan optar ao réxime de concertos, cando menos, até que o tribunal de garantías se pronuncie. A resposta, porén, eludiu este punto: "A orde é clara, como se pode ver, por exemplo, no artigo 2 —"O centro deberá reunir os requisitos estabelecidos nesta orde e demais normativa vixente aplicábel"—. A Xunta cumpriu sempre e seguirá cumprindo a legalidade, resolvendo a convocatoria conforme á mesma".