O BNG defende na Coruña o dereito das persoas migrantes a votar e se candidatar nas eleccións

[Imaxes BNG A Coruña]

Ducias de persoas concentráronse no Obelisco en solidariedade cos dous cidadáns senegaleses excluídos da listaxe electoral nacionalista. "A lexislación española é claramente discriminatoria", denuncian. 

 

Após seren excluídos da candidatura do BNG-AA os cidadáns senegaleses Djiby Fall e Cheikh Faye, a organización frontista convocou unha concentración na praza do Obelisco da Coruña para denunciar o carácter "discriminatorio" dunha lexislación electoral que conculca o dereito ao sufraxio activo e pasivo ás persoas migrantes que non conten coa nacionalidade española ou comunitaria e/ou cuxos países non teñan asinado un convenio bilateral ao respeito co Estado español. 

“Prohibíuselles a dúas persoas o dereito ao voto e a se presentaren como candidatos a unhas eleccións, alegando única e exclusivamente que non está acreditada nin a súa nacionalidade española nin ningunha outra nacionalidade da Unión Europea e que, polo tanto, son inelixíbeis", explicou o candidato do BNG-AA, Xosé Manuel Carril. "Isto evidencia que non é igual ser europeo que ser africano", acrecentou. 

Portando cartaces en que se podia ler 'Capital libre, persoas prohibidas' ou 'Por unha cidade sen exclusión', varias ducias de persoas acudiron até o Obelisco para denunciar “clara vulneración dos dereitos humanos e dos dereitos fundamentais” que constitúe imposibilidade das persoas migrantes de se presentaren aos comicios de maio. Neste senso, lembran desde o BNG, "son varios os tratados internacionais que consagran o dereito a participar na vida pública como dereito humano: a Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Convención Internacional sobre Dereitos Civís e Políticos ou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos". 
Porén, denuncian desde a organización frontista, "os africanos non son iguais que os europeos nin na Coruña, nin en Galiza nin no Estado español". 

Aliás, anunciaron que pedirán á Xunta Electoral a reconsideración da decisión embora avanzaren que substituirán a Djiby Fall e Cheikh Faye por Limamou Sylla Ndiaye, cidadán senegalés con nacionalidade española e Eric Dobaño Salgado.