Concentracións nas cidades galegas en memoria do veciño de Aríns que se suicidou no aniversario do seu despexo

Plataformas de Stop desafiuzamentos de urbes como A Coruña ou Ourense conovocan mobilizacións esta sexta feira e sábado. “Non son suicidios, son asasinatos'.

Esta terza feira (22 de setembro) Stop-Desafiuzamentos Compostela emitía un comunicado público no que informa do suicidio de Carlos Midón. A súa morte coincide co primeiro aniversario do seu despexo en Aríns onde moraba coa súa familia.  Diversas plataformas e colectivos convocan para estes días concentracións e mobilizacións baixo o lema 'Non son suicidios, son asasinatos'. A Coruña, Ourense, Lugo ou Ferrol serán algúns dos escenarios destes actos.

Desde Stop despexos da Coruña sinalan nun comunicadeo que “a atrocidade do sistema imperante mostra coma súa forma de pervivencia baséase na presión constante sobre os desposuídos. Na falta de recursos e posibilidades reais de supervivencia. Así coma na agresión continúa en forma de desafiuzamentos, de carencia vivencial severa e da presión social que no caso de Carlos Midón tivo o tráxico desenlace do seu suicidio ante a imposibilidade de poder realizar seu proxecto de vida familia”.

Na Coruña a mobilización será esta sexta feira ás 20:00 horas no Obelisco. En Ourense, o sábado 26, diante da Subdelegación do goberno.