A plataforma Galiza pola Paz condena a "intervención militar rusa" e critica a UE, a OTAN e os EUA

Concentración en Ferrol, este domingo (Foto: Galiza pola Paz)
Concentracións en varias cidades galegas este domingo para dicir "Non á guerra".

A plataforma Galiza pola Paz manifestouse este domingo en varias cidades galegas con motivo da invasión rusa a Ucraína. Baixo o paraguas deste colectivo, do que forman parte membros do BNG e do sindicato CIG, centos de persoas saíron ás rúas galegas para reivindicar a fin da guerra.

En Compostela, o lugar elixido para a concentración foi a Praza do Toural, mentres que na Coruña e Ourense fixérono fronte á Subdelegación do Goberno. En Vigo, concentráronse no Farol de Urzáiz; en Lugo, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina e en Ferrol na Praza de Armas.

No seu manifesto de dez puntos, no que reclaman un "Non á guerra", facéndose eco dos "desexos de paz e contrarios á guerra da inmensa maioría da sociedade galega", trasladan, unha vez máis, "o máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno", e reclaman "a retirada inmediata das tropas rusas".

En segundo lugar, trasladan a súa "plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito".

Por isto, chaman ao "cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito". "Cómpre atopar o camiño para unha desescalada militar e unha política de paz, que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz".

Recoñecemento de Donestk e Lugansk

En consecuencia, sinalan, reclaman "o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática".

Tamén, "porque é de xustiza", lembran "as accións previas de hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk e o silenciamento destes ataques por parte da comunidade internacional, malia as advertencias reiteradas da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE). Unha situación que se estende desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk".

Neste sentido, consideran "lamentábel" o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, "como títere dos intereses da OTAN e os EUA". "A UE e o seu portavoz para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, súmanse ás declaracións ameazantes, que crea aínda máis tensión. A Unión Europea debe deixar de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pasar a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada", sosteñen.

Por iso, reclaman "a neutralidade activa do estado español neste conflito, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no irresponsábel envío de armamento á Ucraína". "Se o estado español quer contribuír á resolución deste conflito, debe facelo non enviando ametralladoras, senón apoiando e reforzando a vía diplomática", argumentan.

Ademais, din ser "conscientes do impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares". Con todo, matizan que "o que fixo a guerra foi agravar unha crise xa preexistente, previa ao inicio dos ataques militares. A carestía da vida, a suba brutal de prezos en produtos básicos de alimentación, nos combustíbeis, na electricidade, ou no gas, está a provocar o sufrimento e a desesperación na maioría dun pobo galego que mantén salarios e pensións moi por baixo da media estatal".

Outras guerras

"Resulta indecente ─continúan─ que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos (a comezar polos propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas) a costa do empobrecemento das maiorías sociais. Por esa mesma razón, rexeitamos con toda a nosa enerxía o incremento do gasto militar anunciado esta mesma semana polo Goberno español seguindo, tamén, o mandato de Estados Unidos"

Aseguran que "nunha situación económica e social extrema como a que estamos a vivir, dun impacto brutal sobre as clases populares, resulta irresponsábel destinar máis cartos públicos para armamento, no canto de os dirixir a cubrir as graves carencias e necesidades sociais, os servizos públicos e a defensa do emprego digno".

Trasladan a "solidariedade coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína non nos fai esquecer a existencia doutras guerras e doutros dramas na humanidade. Non hai vítimas de primeira e de segunda. Todas elas, todas, son merecentes da nosa solidariedade, recoñecemento e apoio".

Por último, conclúen que "as nosas únicas armas, as únicas que queremos empregar, son a palabra, a solidariedade e a mobilización social. O galego é un pobo que ten demostrado historicamente a súa adhesión fraternal ás causas xustas en calquera parte do mundo, e así o facemos tamén agora, alzando a nosa voz".