Unha concentración pedirá en Compostela asilo para Hassana Aalia

Hassanna Aalia

A SOGAPS convoca este sábado ás 12h unha mobilización para reclamar o dereito do activista sahariano a ser acollido politicamente polo Estado español.

 

As mostras de solidariedade co activista e xornalista sahariano Hassana Aalia non deixan de sucederse. Neste senso, a organización Solidariedade galega co pobo sahariano (SOGAPS) convocou para este sábado (24 de xaneiro) unha concentración na Praza de Praterías (Compostela). 

Será ás 12.00h e á mobilización xa se sumaron outras organizacións, entre elas o Bloque Nacionalista Galego (BNG). Con esta acción, a rede de solidariedade co pobo sahariano visa demandar ao goberno español que reconsidere a petición de asilo político que lle foi denegada o 19 de xaneiro

Hassana Aalia foi condenado en 2013 por un tribunal militar marroquino a cadea perpetua por facer parte do campamento Gdeim Izik, unha acción pacífica coa que demandaban o respecto polos dereitos humanos e a autodeterminación para o Sáhara. Neste proceso, no que foron denunciadas en reiteradas a falta de garantías procesuais, foron condenadas outras 24 persoas. 

Aalia, que mora en Euskal Herria desde 2011, solicitou asilo político ao Estado español mais este denegoullo argüíndo que posúe causas pendentes con Marrocos. As mesmas que o levaron a presentar tal solicitude.