Concentración feminista en Santiago de Compostela contra o concerto de Kaidy Cain na cidade

As manifestantes, fronte ao despregamento policial na entrada da Sala Capitol. (Foto: Nós Diario)

Decenas de persoas de diversos colectivos sociais e feministas concentráronse no exterior da Sala Capitol, en Santiago de Compostela, polo concerto que o cantante misóxino Kaidy Cain vai dar na cidade nesta quinta feira.

Desde as 20 horas, e ante un amplo despregamento policial, as persoas concentradas reuníronse para protestar pola presenza do artista, coñecido polas súas letras machistas e vexatorias coa muller, en Santiago. 

O cantante, que xa tivo que cancelar un concerto na cidade en 2016 grazas á presión de varios colectivos feministas, foi acusado hai unhas semanas por varias mulleres de drogalas e abusar sexualmente delas.

Durante a concentración, puidéronse escoitar proclamas como "A Policía Española, incubre violadores" e "A xente que entra, acolle violadores".

"Repulsa" institucional

Na cuarta feira, a concellaría de Políticas de Igualdade de Santiago de Compostela, xunto cos grupos municipais do Partido Socialista (PSdeG), Compostela Aberta e Bloque Nacionalista Galego, fixeron público un comunicado no que rexeitan a actuación de Kaidy Kain na cidade, debido a que as "súas cancións son vexatorias e denigrantes para as mulleres".

Os diferentes grupos políticos aseguran que "un dos principais obxectivos do Concello de Santiago, no que existe un consenso maioritario, é fomentar os valores da igualdade entre homes e mulleres e previr a violencia de xénero".

Neste sentido, afirman que o concerto de Kaidy Kain é "contraria a estes valores, ás mensaxes que transmitimos, e ás accións que programamos coa finalidade de acadar a plena igualdade en todos os ámbitos: familiar, económico, social, educativo, cultural...".

Algo semellante fixo o Concello de Mos, que aprobou por unanimidade unha declaración para condenar o concerto que o cantante misóxino vai dar no concello durante a sexta feira.