Concentración de CIG-Ensino demanda a convocatoria de oposicións e denuncia a “submisión” da Xunta

Imaxe: CIG

 

 

Unha concentración decorreu na mañá desta cuarta feira perante a Consellaría de Educación para demnadar a “convocatoria inmediata” das oposicións e poñer fin así á “inseguridade” e “incertidume” que miles de opositores están a vivir en Galiza.  O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou o “atropelo” que supón que, a estas alturas, non estean aínda convocadas as oposicións. Afirmou que non hai ningún impedimento legal para que estas se poidan levar a cabo e criticou que o goberno galego estea “actuando de maneira submisa e ao mandato do Partido Popular.

 Nesta liña, acusou de “total vasalaxe” tanto á Consellaría de Educación como ao propio presidente da Xunta, por non actuar como Goberno galego convocando as oposicións o máis axiña posíbel. Lembrou que en Euskadi xa saíron as oposicións publicadas no seu diario oficial.

 Oferta insuficiente

 O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou tamén que, en todo caso, a oferta de emprego público proposta por Educación é insuficiente para satisfacer as necesidades do sistema educativo galego e a “provisionalidade” e precariedade que sofren as e os interinos. Asegurou que “nos últimos seis anos xubiláronse máis de 5.000 profesores e profesoras e que, porén, a suma da ofertas de emprego destes seis anos non superaron os 2.000 prazas”.