CIG reivindica no Congreso o dereito de Galiza a ter un sistema educativo propio

Anxo louzao na comparecencia

O secretario nacional da CIG-Ensino e membro do Consello Escolar do Estado, Anxo Louzao, compareceu esta mañá na “Subcomisión para a Elaboración dun gran Pacto de Estado Social e Político pola Educación”, no Congreso dos Deputados

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino e membro do Consello Escolar do Estado, compareceu na Subcomisión para a Elaboración dun gran Pacto de Estado Social e Político pola Educación, no Congreso dos Deputados. Na súa intervención Louzao defendeu “unha transformación radical do sistema educativo, a modificación da Constitución e a supresión dos concertos educativos” ao tempo que avogou por unha educación “pública e universal de 0 a 18 anos, inclusiva e equitativa, totalmente laica, coeducativa e non sexista, gratuíta e democrática e que garanta unha real igualdade de oportunidades”.

Ademais, defendeu a necesidade de derrogar a LOMCE e restituír todos os dereitos salariais, laborais e profesionais arrebatados ao profesorado. Subliñou tamén a situación de “desamparo” do idioma galego nas aulas que sufriu “recortes e ataques” permanentes e que “nunca tivo tan pouca presenza como lingua vehicular no ensino” como agora.

Afirmou que para a CIG-Ensino o actual sistema educativo necesita “unha transformación profunda” e por iso “é preciso modificar todo o marco lexislativo”, incluídos os artigos 3 e 27 da Constitución de 1978, “sustento legal da privatización, mediante os concertos educativos; da confesionalidade, a través da Relixión como disciplina curricular, e que restrinxe, tamén, os dereitos lingüísticos para a lingua propia de Galiza”.

Asegurou que para a CIG-Ensino “non é asumíbel ningún pacto que non renuncie a continuar co actual centralismo, profundamente españolizante e negador da diversidade cultural e lingüística do Estado”; e defendeu o dereito de Galiza, Euskal Herria e Catalunya “a ter o seu propio sistema educativo”.