Os concellos urxen á Xunta a traspasarlles fondos após recibir 17.000 novas usuarias da asistencia social

O presidente da Fegamp, á dereita, nunha reunión en Política Social. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reuniuse hoxe coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para avanzar nunha estratexia conxunta para a Axenda Social Única 2021-2024. No encontro, lembrouse que os municipios teñen unha “sobrecarga” de atencións que asumen con fondos propios.

Os municipios galegos volveron facer unha chamada de auxilio ante a Xunta esta sexta feira. O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, aproveitou un encontro coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para lembrarlle que as entidades locais precisan unha transferencia de fondos debido á “sobrecarga” de traballo derivada da pandemia do coronavirus.

Varela indicoulle a García que por mor da Covid-19 e dos seus efectos económicos os servizos de asistencia social dos concellos tiveron que atender a 17.000 novos usuarios. Isto supuxo, segundo resaltou, un sobrecusto mensual duns seis millóns de euros.

No primeiro momento os fondos necesarios para atender á cidadanía saíron das arcas municipais pero dado que existen fondos específicos para paliar os efectos do virus, o representante pediulle maior celeridade á Xunta -e tamén ao Goberno do Estado español- para traspasar os cartos que lles corresponden.

Ao dar detalles da situación, Varela advertiu de que o “escenario é moi preocupante” e os concellos son só “a porta de entrada” das necesidades.

Así falou de que, polo momento, teñen estimado que seis de cada dez novas usuarias se viron afectadas polos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou tiveron que paralizar o seu traballo polo virus.

Isto ao final deu nese incremento da demanda de axudas ás administracións municipais, o que á súa vez puxo contra as cordas o poder das entidades. “É máis necesario que nunca que Xunta e Estado poñan recursos enriba da mesa”, engadiu. Neste sentido, a consellaría comprometeuse a fornecer “máis recursos” pero non aportou datas concretas.

Un documento común

Varela trasladou estas declaracións despois dese encontro de traballo con García para pactar a renovación da Axenda Social Único 2021-2024, que ten que contar cun documento en firme no primeiro semestre do ano.

O escrito, que vai ser elaborado pola Fegamp e a Xunta, da man dalgunhas entidades sociais, “marcará los obxectivos en materia de inclusión para os próximos catro anos”.