Alberto Varela Paz, presidente da Fegamp

Alberto Varela: "Os Concellos asumen máis servizos pero son os únicos sen fondos extraordinarios"

En 2020 os concellos afrontaron múltiples gastos extra debido ás novas necesidades xurdidas da pandemia. A este respecto e sobre os novos retos do municipalismo, Nós Diario conversa co socialista Alberto Varela Paz (Vilagarcía, 1975), presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Vilagarcía. 
A Fegamp ten na súa Presidencia Alberto Varela Paz desde 2019. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Fegamp ten na súa Presidencia Alberto Varela Paz desde 2019. (Foto: Nós Diario)

Os concellos galegos levan xa unha media de 6 millóns de euros en gastos sociais adicionais derivados da pandemia, segundo un informe que veñen de publicar desde a Fegamp, onde lamentan a falta a de apoio das administracións superiores ás entidades locais para facer fronte a estes desembolsos extraordinarios. Que cómpre mudar?
O informe da Fegamp fai unha radiografía da situación dos servizos sociais dos concellos galegos que, por certo, xa eran as administracións por comunidades autónomas que máis recursos dedicaban á atención primaria da cidadanía, cuestión que se incrementou coa crise sanitaria. Moitas persoas que nunca acudiron aos servizos sociais dos Concellos tivérono que facer agora para solicitar axudas de emerxencia, para alimento, para pagar facturas da luz, de alugueiro... 
Evidentemente, isto supón unha sobrecarga dos servizos sociais municipais, polo que é preciso que as outras administracións faciliten recursos aos Concellos para que estes poidan atender esas emerxencias da veciñanza. Antes da crise xa había unha saturación importante nas arcas municipais debido aos importantes esforzos que se estaban a realizar desde os Concellos, como no caso do Servizo de Atención ao Domicilio
Por iso temos que lograr que o resto de administracións acheguen máis recursos para estes servizos e para dar resposta ás emerxencias novas propiciadas pola crise sanitaria. 

Mais no proxecto de orzamentos da Xunta para 2021 as transferencias directas ás corporacións locais descenden 127,1 millóns respecto ás contas de 2020. Como o valora?
Decepcionante. A Administración autonómica ten que entender que os Concellos precisan fondos extraordinarios para unha situación extraordinaria como a que estamos a vivir. 
Os Concellos son a única Administración que non recibe fondos extra neste contexto, mentres que o Estado percibe fondos da UE e as comunidades teñen fondos directos do Estado. Pola contra, as entidades locais teñen que facer e pagar máis cos mesmos recursos que tiñan até o de agora. É certo que desta volta por parte do Goberno do Estado permítese aos Concellos usar os remanentes, é dicir, os seus propios aforros, pero non é suficiente nesta situación de emerxencia se queren que atendamos todas as urxencias que estamos detectando nos Concellos. 
A realidade é que os municipios están a facer máis esforzos en servizos sociais, como dicía antes, mais tamén noutros eidos como pode ser a colaboración en tarefas de desinfección de centros educativos e vías publicas, ou a subministración de material de protección non só ás e aos nosos traballadores senón tamén a parte da poboación vulnerábel. Tamén desde os Concellos estamos dando axudas directas ao comercio e estásenos a pedir que fagamos bonificacións e reducións das nosas taxas e impostos, mentres vemos mermadas as nosas arcas, os nosos ingresos, mentres se nos pide que afrontemos máis cuestións. É imposíbel. 

E cal sería a chaves dese novo sistema de financiamento que precisan os Concellos?
Algo tan sinxelo como que nos dean os recursos necesarios para levar a cabo todas as competencias que estamos asumindo. A transformación dos Concellos nos últimos anos foi moi importante: xa non somos a Administración que atende unha fochanca ou un punto de luz, senón que agora temos intervención directa en moitas máis políticas. Porén, a lexislación que regula o financiamento das entidades locais non está acorde con todas as cuestións que estamos abordando desde os Concellos. 
Por iso entendo que o financiamento municipal debe estar regulado pola lei e non termos cada ano que negociar os fondos que recibe cada concello. Sería un avance que isto se aprobase xa que, ademais, a Constitución é moi clara é di que as Administracións locais nútrense dos tributos que cobra á veciñanza, mais tamén da participación nos ingresos da Comunidade autónoma e do Estado. 
Isto ten que quedar fixado por lei e non termos cada ano que andar a pelexar por cada euro.

Ás portas de 2021... que espera do novo ano?
Que 2021 sexa o máis diferente posíbel a 2020, xa que foi un ano moi difícil para todas e todos, e que as administracións esteamos á altura das circunstancias para evitar que ninguén quede atrás.
Como presidente da Fegamp espero sermos quen de convencer as outras administracións dos apuros que os Concellos están a pasar e que estes sexan dotados dos recursos necesarios para poder atender as urxencias básicas da veciñanza.

Mancomunar servizos vs fusionar concellos

Alberto Varela está en desacordo coa fusión de concellos galegos, unha opción defendida hai uns días polo popular José Crespo, un dos antecesores de Varela na Presidencia da Fegamp e actual alcalde de Lalín, durante a súa comparecencia na comisión de reactivación do Parlamento galego. Para Varela "o tempo amosou que a fusión non foi panacea esperada e que foron poucos os concellos que decidiron fusionarse".

Ante ese camiño, o socialista prefire optar por "mancomunar determinados servizos para aforrar custos entre municipios" e "retomar" o "Pacto Local" asinado en 2006 polo daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o da Fegamp, José Crespo, e que "avanzaba cuestións como que a Xunta debía asumir o mantemento dos centros educativos, pois entendemos que isto debería corresponder á Consellaría de Educación e non ás entidades locais", considera Varela.  

Comentarios