Os servizos sociais municipais sufriron unha sobrecarga no confinamento de 17.000 novos solicitantes

Home no interior dunha oficina de emprego. (foto: Europa Press).
Os sobrecustos medios son de case seis millóns de euros ao mes, sen recibiren os concellos fondos extraordinarios. A Fegamp fala de “colapso” ou “saturación” dos seus servizos sociais

A Federación Galega de Municipios e Provincias estuda os efectos da pandemia nos servicios sociais municipais, concretamente durante o período de confinamento.

O impacto socioeconómico polo cese de actividade xunto ao illamento domiciliario supuxeron o “colapso” e a “saturación” en servizos sociais de moitos concellos, cun importante aumento da demanda xeral en todas as prestacións, segundo conclúe a entidade.

Os concellos galegos atenderon 17.317 novos demandantes de axuda, de maneira que, no mes de xullo, 6 de cada dez usuarios e usuarias eran traballadores e traballadoras á espera de recibir a axuda por ERTE ou autónomos afectados polo cese de actividade.

42,86% eran familias monoparentais ou con menores a cargo, 40% usuarios/as e 28,57% persoas en risco de exclusión social con traballos vencellados á economía somerxida.

"Como cabía esperar, a vulnerabilidade entre persoas afectadas polo cese de actividade profesional é moito maior en poboacións grandes mentres que en municipios de menos de 5.000 habitantes, onde predomina claramente o das persoas que precisan asistencia a domicilio", sinala nun comunicado remitido aos medios a Fegamp.

Tipo de prestación

Segundo o tipo de prestación, o maior incremento asistencial dos servizos sociais produciuse na demanda de axudas económicas para necesidades básicas, que aumentou 51,10%.

A este ségueno o Servizo de axuda ao fogar (18,48%), medidas de reinserción social (15,72%) e comedores e outros dispositivos de atención a persoas sen fogar (11,42 %).

"É preciso sinalar un notábel aumento da carga burocrática (31,9%) pola asistencia para demandas sociais non competencia dos concellos, como o Ingreso Mínimo Vital e outro tipo de axudas", sinalan.

Neste sentido os concellos reiteran a sobrecarga de traballo para suplir a falta de asistencia doutras Administracións e reclaman "un articulado que integre as axudas".

Os concellos galegos achegan 87,4% dos fondos das prestacións sociais básicas, fronte a 8,6% da Xunta e  4% do Estado. A resposta social municipal nesta primeira fase da pandemia supuxo un sobrecusto medio de 5.875.680 millóns de euros ao mes, sen que os concellos recibisen fondos extraordinarios.