O preacordo CCOO, UXT e patronal é para a CIG “un novo capítulo do entreguismo”

Para a central nacionalista, o acordo entre a patronal e os sindicatos de ámbito estatal estaría a lexitimar e consolidar "a reforma laboral na súa peor versión".

sindicatos patronal pedro sanchez la moncloa

O preacordo rubricado entre as centrais CCOO e UXT e as patronais CEOE e Cepyme para subir salarios non convence a CIG, que na análise que fai dos contidos do pacto atinxido non ve motivos para o optimismo. “Lexitiman e consolidan a reforma laboral na súa peor versión”, afirma o sindicato nacionalista. Para a CIG, non é de recibo que se venda como avanzo pactar “unha suba de arredor do 2% cando a perda de poder adquisitivo desde 2009 foi de 16%; “desligando os incrementos salariais do IPC” e mesmo introducindo medidas que teñen como obxectivo “garantirlle á patronal a paz social pola vía de limitar a capacidade de mobilización da clase traballadora”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, indica que os “supostos obxectivos” deste acordo: creación de emprego, mellora da competitividade e loita contra a economía somerxida, nada teñen que ver co que logo se plasma no texto, no que “non se contempla nin unha soa medida real nesas materias”.

Considera un “despropósito” que non se estabeleza garantía de revisión salarial vinculada ao IPC, “aceptando o que demandaba a patronal”, o que entende que “delata as súas intencións”, porque supón tamén aceptar o sistema que o goberno do PP introduciu na reforma das pensións de 2013 que tanto parecían cuestionar e que “vai impedir a recuperación do poder adquisitivo dos salarios”.

Canto a que se estableza de maneira progresiva un salario mínimo de 14.000 euros anuais critica a CIG que “é máis unha declaración de intencións que unha realidade” e que non se faga de forma automática ao quedar ao arbitrio dos convenios e condicionado a un calendario temporal

En materia de negociación colectiva considera a central nacionalista que se toca unicamente “aspectos sen apenas relevancia e limitándose a recoller un listado de declaracións de intencións sen ningunha consecuencia real, máis alá de consolidar o seu desmantelamento e centralización en Madrid”.

Para o secretario confederal de Negociación Colectiva tamén chama a atención que se lle dea “carta branca” e se acepte a externalización e a subcontratación ou se avale a lóxica perversa da reforma laboral mantendo a posibilidade de que as empresas aleguen causas económicas, técnicas ou produtivas, para aplicar reducións de xornada, para descolgarse dos convenios empeorando as condicións de traballo, para aplicar EREs temporais ou a flexibilidade.

Comentarios