8-M

Concellos e institucións súmanse ás conmemoracións do 8 de marzo: estes son os actos programados

Sara Purcell, Beatriz Bárcena, Goretti Sanmartín, Marta Pérez, Ana López e Sandra Vázquez, na quinta feira. (Foto: Santi Alvite)
A programacións esténdese ao longo do mes.

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, institucións e concellos suman esforzos co conxunto do movemento feminista galego para reivindicar os dereitos laborais conseguidos polas mulleres, así como para exixir aqueles que aínda están por conquistar. 

Nesta liña, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) reivindicou a pertinencia de medidas de corresponsabilidade e conciliación para fomentar que as mulleres investigadoras desenvolvan as súas carreiras profesionais na súa totalidade. Fíxoo nun acto decorrido esta cuarta feira no Pazo de Fonseca no que participaron a delegada do reitor para Igualdade, Marta Pérez, xunto á secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez, e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín

Tamén na capital galega comezan esta quinta feira os actos institucionais con motivo do 8-M. Baixo o epígrafe de "Mulleres de Compostela 2024", o Concello recoñecerá oito mulleres referentes da cidade tanto pola súa traxectoria profesional como vital, nun acto que terá lugar na Sala Mozart do Auditorio da Galiza. Na sexta feira, o Pazo de Raxoi acollerá a lectura do manifesto, que corresponde á declaración institucional aprobada por unanimidade, e a entrega do Premio Xohana Torres 2023.

Por outra parte, "Ábrelle as portas ao feminismo!" foi o lema escollido por Pontevedra para agrupar as actividades do 8-M. Uns actos que comezaron o 26 de febreiro coa lectura do manifesto do Día Internacional das Mulleres Traballadoras 2024, elaborado por unha alumna do IES Valle Inclán, e que continuarán nesta quinta feira coa proxección e posterior coloquio sobre o filme O corno coa súa directora, Jaione Camborda. Na sexta feira, o Concello programou unha sesión musical a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ para ambientar a manifestación feminista.

8-M todo o ano

Na mesma liña, Carballo (Bergantiños), que defende un traballo a prol da igualdade "transversal e continuado", convida a veciñanza a pór o foco na igualdade a través dun programa de concienciación social con actividades pensadas para a infancia, a mocidade, as familias, as persoas adultas e as profesionais. Decorrerán especialmente ao longo do mes de marzo, mais tamén o resto do ano.

Pola súa parte, o Concello de Ribeira (O Barbanza), no marco da programación do 8-M, organiza nesta quinta feira un obradoiro gratuíto de bixutería e reciclaxe con Lixo Atelier, e na sexta renderá homenaxe ás mulleres das Artes Plásticas, nun acto no que participarán a escultora Soledad Penalta e a escritora Patricia Torrado.

O acto institucional de Moaña (O Morrazo) terá lugar na sexta feira no salón de plenos, e contará coa lectura do manifesto e a actuación do Coro do IES Plurilingüe A Paralaia. A programación para este día complétase cun "Regueifa Tour" a cargo das Regueifeiras da Semente e cunha mesa redonda titulada "Maternidades" con Inma López, Celia Durán e Sara Vila, na que Montse Fajardo será a moderadora. 

Na mesma liña, en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) tamén se lerá na sexta feira o "Manifesto Institucional pola Igualdade", acompañado dunha concentración convocada polo consistorio. E Arzúa (comarca homónima) reivindicará o Día Internacional das Mulleres Traballadoras cunha programación cuxo centro será a inauguración do mural elaborado pola recoñecida ilustradora e muralista Lidia Cao, tamén na sexta na Casa das Mulleres, xunto a actividades que continuarán no mes.