Os concellos galegos con eólicos cuadriplican a media estatal

Parque eólico na serra do Candán. (Foto: Arxina)
Só nove de cada 100 concellos do Estado español teñen un parque eólico no seu territorio, unha porcentaxe que no caso da Galiza pasa a ser de 35 de cada 100, case catro veces máis. Ningún outro territorio presenta esa acumulación. Un de cada cinco galegos e galegas viven nun municipio onde hai instalados aeroxeradores.

En 2022 había na Galiza 121 concellos con parques eólicos dos 313 municipios existentes. 35%, un de cada tres. No Estado español esa porcentaxe é catro veces menos, 9%. No conxunto do Estado —8.131 concellos— hai eólicos en 857. Nalgúns territorios, como Madrid, Ceuta e Melilla, a porcentaxe é de 0%, non hai ningún parque eólico. Son datos do Anuario 2022 da Asociación Empresarial Eólica (AEE), onde figura que as provincias de Lugo e A Coruña son as que máis municipios teñen con parques: 49% e 46%, respectivamente.

Case a metade dos seus concellos teñen aeroxeradores en funcionamento. A porcentaxe baixa en Pontevedra —27%— e Ourense —18%—, mais aínda así tamén estas sitúanse moi por riba da media estatal. Só as provincias das Palmas (Canarias) e Albacete (Castela-A Mancha) teñen niveis de ocupación nos seus municipios que se achegan ás ratios da Galiza.

Poboación

O informe da AEE tamén clasifica a presenza de parques segundo a poboación dos concellos afectada. Así, os parques existentes na Galiza están en municipios onde vive case 22% da poboación galega, o que representa un de cada cinco habitantes da Galiza. Esta porcentaxe é o duplo da que hai no Estado español, onde só 11% da poboación vive en municipios onde hai parques eólicos.

En xaneiro o Congreso aprobou a modificación da Lei de Avaliación Ambiental, co obxectivo de librar dese trámite todas as instalacións de renovábeis emprazadas fóra dos espazos da Rede Natura 2000.

A medida, recollida nun decreto con diversas propostas sometidas a validación polo Goberno do Estado, fixa, ademais, unha compensación extraordinaria de 2.000 millóns de euros ás empresas eléctricas a conta do erario público. A medida, denunciaba o ambientalismo, permitirá erguer instalacións eólicas en 88% do territorio galego.

Pontevedra pide paralizar a instalación de parques eólicos

Hai preocupación no Goberno local de Pontevedra polo que consideran unha "proliferación" de parques eólicos na contorna do concello. Unha cuestión que o Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores expresou nun escrito remitido á Xunta da Galiza amosando o seu malestar pola "instalación masiva de parques eólicos" nesas áreas.

A portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, lembrou onte que estes proxectos están moi lonxe de seren un beneficio para a poboación, achegándose máis "a unha depredación e mal uso do territorio común". A semana pasada o Concello solicitou con carácter urxente un informe de Augas de Galiza para que se aclarase como afectará o abastecemento da cidade as obras que xa están iniciadas para parques eólicos.

Cómpre lembrar, sinalou Gulías, que están xa presentadas distintas alegacións e reclamacións ao proceder da Xunta da Galiza á hora de pór en marcha estes novos parques eólicos na contorna. "Lonxe dun beneficio para a poboación, algunhas persoas están facendo políticas públicas para beneficiar grandes multinacionais da industria eléctrica", sinalou a portavoz do Executivo.