Os concellos galegos avogan por alcanzar a representación paritaria en corporacións e Alcaldías

Alberto Varela (segundo pola dereita), na xuntanza da Fegamp decorrida esta terza feira. (Foto: Fegamp)

A executiva da Fegamp dá luz verde a unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo

A Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) aprobou unha declaración institucional con motivo da celebración o próximo 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres Traballadoras na que os concellos galegos avogan por alcanzar a representación paritaria en corporacións e Alcaldías.

A Fegamp convocou esta terza feira a reunión da súa Executiva presidida por Alberto Varela, na que se aprobou unha declaración institucional baixo o lema #concellosgalegosenfemenino na que se reafirma o compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local.

Na declaración, os concellos asumen a necesidade de avanzar cara a unha representación paritaria de mulleres e homes nas corporacións locais. No texto, do que informou a Fegamp, recoñécense avances como pasar nestes últimos vinte anos de 18 alcaldesas no ano 2003 a 70 no 2023, o que supón un 22% dos concellos galegos.

Ao mesmo tempo, sinala que isto reflicte que "as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nos espazos máis importantes de toma de decisións do ámbito local", tendo en conta que neste período non hai ningunha presidenta de deputación provincial na Galiza.

Ademais, apunta que se avanzou no caso das concelleiras e deputadas provinciais, cun 40% e un 36% respectivamente. Aínda así, os municipios galegos comprométense a seguir dando "pasos firmes" cara á igualdade neste período até as próximas eleccións municipais.

Por iso, promoverán "a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan conseguir a paridade nas corporacións e nas alcaldías", ademais de incorporar a perspectiva de xénero en todas as súas políticas e programas, garantindo que se teñan en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nas súas accións, entre outras iniciativas.

Nesta liña, a Fegamp prevé a celebración da xornada 'Pioneiros. Políticas de Igualdade nos concellos galegos. Concellos galegos na vangarda dás políticas de igualdade' a vindeira terza feira, día 27 de febreiro, na que intervirán as alcaldesas de Salceda de Caselas (comarca de Vigo), Pobra de Trives (Terra de Trives), Folgoso do Courel (comarca de Quiroga), Cee (comarca de Fisterra), Bergondo (comarca da Coruña) e Tomiño (O Baixo Miño).

A Fegamp prevé que tamén participen a secretaria de Estado de Igualdade, Aina Calvo e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entre outras.