Os concellos declarados zona catastrófica polos fogos seguen á espera das axudas prometidas

A serra do Courel foi unha das máis afectadas da Galiza, seguida da zona de Valdeorras, Boiro e Laza. (Foto: Europa Press)
Os incendios que arrasaron Galiza este verán deixaron máis de 43.000 hectáreas ardidas no conxunto do país en cuestión de mes e medio. Máis de 11.000 desas hectáreas queimadas corresponden só ao concello de Folgoso do Courel, seguido de Carballeda de Valdeorras (10.500 hectáreas), Boiro (2.200), Laza (2.100), Oímbra (2.100), o Irixo (680) e Verín, este último con 600 hectáreas afectadas polo lume. Nós Diario analiza a situación após o verán e que aconteceu coas axudas económicas prometidas. 
 

18 concellos galegos están comprendidos na declaración de zonas catastróficas polos incendios forestais deste verán e poden, por tanto, acceder ás axudas estatais que ofrece o Ministerio de Interior do Goberno español.

Con todo, desde os concellos máis afectados indican a Nós Diario que aínda non recibiron as axudas prometidas nin polo Executivo estatal nin pola Xunta da Galiza. O tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo (BNG), expón a Nós Diario que o Concello verinés experimentou “dous grandes incendios” que foron “terríbeis” para a zona. Lourenzo indica que, se ben Verín é un dos concellos galegos que comprende a declaración de zona catastrófica, desas axudas "aínda non sabemos nada”.

“Entendemos os prazos da burocracia propia das axudas, pero esta é unha cuestión o suficientemente importante como para que haxa unha axilidade”, sostén, “non é un tema que poida esperar” pois supuxo “un impacto importante” na poboación de Verín. Aínda así, o nacionalista sinala que o Ministerio xa respondeu a algúns dos particulares da zona en relación a se as súas demandas de axudas foran aceptadas ou non, “mais non sabemos se xa se ingresaron, pois son cuestións entre o Estado e a propia poboación”. 

"Non sabemos nada das axudas"

Outra das zonas máis afectadas polos lumes foi a serra da Barbanza, concretamente o concello de Boiro. Desde a Casa consistorial aseguran a Nós Diario que “xa se fixeron diversas reunións entre os alcaldes, as comunidades de montes e a Consellaría para levar a cabo unha acción conxunta” entre os municipios afectados da zona. Así, indican que Boiro sufriu danos en certas infraestruturas, “como en tubaxes, mobiliarios e sinalizacións”. Porén, non recibiron aínda as axudas do Ministerio que, se ben están solicitadas, “non sabemos nada delas”. 

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero García (PSdeG), sostén a Nós Diario que, en canto ás axudas da Xunta, “a Consellaría de Medio Rural está a traballar por partes”. Polo de agora, a semana pasada chegou ao concello “un cargamento de palla para alimentar as cabezas de gando”, unha das principais necesidades no rural. “Agora estamos traballando nos feches perimetrais do gando, que tamén sufriron desperfectos” polo lume, para que os animais non cheguen ás casas. Con todo, sostén que “axudas reais cuantificábeis aínda non tivemos”

Por todo isto, o rexedor demanda que, a curto prazo, as axudas “vaian chegando e se vaian materializando para que non queden no esquecemento” e, a longo prazo, “se realice unha boa planificación da serra da Barbanza” para previr posíbeis futuros incendios. Para o alcalde "funciona mellor a prevención que traer medios cando xa está a desgraza" polo que cómpre realizar "un estudo do territorio".

Concellos que ficarán sen compensacións

Aínda que algúns dos concellos máis afectados estean agardando pola resposta do Estado ante a solicitude de axudas, outros municipios din "ser conscientes" de que esas axudas non van chegar, pois o lume non afectou os centros urbanos. Un deles é o de Laza. O seu alcalde, José Ramón Barreal (PP), explica a Nós Diario que “a pesar de experimentar un incendio de dimensións importantes, este afectou só á zona da serra”, sen chegar aos núcleos de poboación.

Por este motivo, aínda "estando dentro do plan de zona catastrófica”, como o lume non afectou a poboación nin provocou desperfectos en “infraestruturas públicas”, “non recibimos axudas nin do Estado nin da Xunta”, asegura.

Esta mesma semana, Nós Diario tamén abordou a situación de Folgoso do Courel, o concello con máis hectáreas queimadas do país. A alcaldesa, Dolores Castro (PP), indicou que no Courel tamén seguen agardando polas axudas do Ministerio e da Xunta que, se ben están solicitadas, aínda non chegaron.