Os concellos afectados pola dragaxe da ría do Burgo exixen que se cumpran os prazos de execución

Visita institucional ás obras de dragaxe da ría do Burgo. (Foto: Europa Press)
Desde a semana pasada inxéctanse 16.000 metros cúbicos de area na praia de Santa Cristina, en Oleiros, que gañará 300 metros de uso público.

Alcaldes dos municipios afectados polas obras de dragaxe na ría do Burgo pediron "celeridade" no cumprimento dos prazos previstos para a súa execución nunha visita durante o día de hoxe á zona, acompañados polo delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns.

Precisamente, Miñóns recalcou que a actividade está "a pleno rendemento para conseguir que o prazo se cumpra e sexa unha realidade a partir de 2024".

En concreto, a delegación de alcaldías estivo formada pola rexedora da Coruña, Inés Rei, e os alcaldes de Culleredo, José Ramón Rioboo; Cambre, Óscar García; e Oleiros, Ángel García Seoane, que coincidiron en destacar que esta obra responde a unha "demanda histórica" dos seus municipios

"Pido celeridade e que non haxa demoras", subliñou o alcalde de Oleiros, quen cualificou este proxecto como "imprescidíbel" e dunha "importancia moi grande" para a poboación debido a que "vai unir" os catro concellos lindeiros.

A visita ás obras contou tamén coa presenza da subdelegada do Goberno español na Coruña, María Rivas; e o xefe de Demarcación de Costas do Estado español, Rafael Eimil.

Comezo das obras

As actuacións na ría comezaron o pasado mes de xaneiro. Nos primeiros meses, os traballos centráronse na construción dos recintos para o confinamento dos lodos derivados da dragaxe, que se prevé que ascendan a 583.000 metros cúbicos de sedimentos.

Ademais, desde a semana pasada inxéctanse 16.000 metros cúbicos de area na praia de Santa Cristina, en Oleiros, que gañará 300 metros de uso público.

Indemnizacións ás mariscadoras

A actuación conta cun orzamento de 37,5 millóns de euros, dos que 32,2 corresponden á dragaxe e outros 1,6, ao programa de seguimento e control ambiental. Os 3,6 restantes están reservados para as mariscadoras afectadas pola paralización temporal da actividade.

Respecto do pago destas indemnizacións aos traballadores e traballadoras, Miñóns afirmou que o Goberno español está "a disposición" de dar cumprimento aos pagos.

"Espero que ao longo de agosto ou setembro as mariscadoras se reúnan coa Xunta para definir cales son cada unha das axudas correspondentes" co fin de que, posterioremente, o Goberno galego "traslade a información necesaria" ao Executivo estatal, segundo explicou.