O Concello de Vigo rectifica e ofrécese a realoxar a Analía, muller con crianzas ameazada de despexo

Foto: @Nosgaliza

Analía Méndez ten tres menores ao cargo e está separada da súa parella após intepoñer unha demanda por violencia machista.

O Concello de Vigo ofrécese a realoxar a Analía Mendez. Unha decisión que contrasta coa resposta que nun prinicipio deu o goberno municipal a esta muller ameazada de despexo e con 3 menores ao seu cargo e que se limitaba a Un cheque por valor de 300 euros e a tramitación de dúas axudas: a de emerxencia e a renda de inserción Risga. 

Mais a mobilización popular impulsada pola PAH, con concentracións como a que esta sexta decorreu ante o Concello, abriron o camiño cara unha nova xuntanza entre Analía e o concelleiro de Participación Cidadá. O edil propuxo como vía o realoxamento nun piso desta muller e as crianzas.

Vivendas baleiras

Hai uns días, a plataforma Stop-despexos denunciaba en Sermos Galiza que o goberno que lidera Abel Caballero (PSdG-PSOE) "ten dispoñíbel unha bolsa de 40 vivendas baleiras que pretende pór á venda". Porén, "negouse" a ceder unha para Méndez. De aí as concentracións desenvolvidas.

Analía corre o risco de iniciar o ano fóra da súa casa porque a súa situación persoal, explican desde Stop-desafiuzamentos, non lle permite facer fronte ao aluguer e ás facturas. A día de hoxe a débeda contraída pola muller sitúase por volta dos 5.000 euros, após ficar no mes de marzo sen ningunha fonte de ingresos.