O Concello de Vigo nega unha vivenda social a unha muller con crianzas que será desafiuzada o 31

[Imaxe: SG]

Así o denuncia a plataforma Stop-desafiuzamento da cidade olívica, que convocou a concentración desta segunda feira na rúa Pizarro secundada por centos de persoas. No edificio vive a afectada, Analía Méndez, e o propietario do inmoble do cal queren botala.


Un cheque por valor de 300 euros e a tramitación de dúas axudas: a de emerxencia e a renda de inserción Risga. Foi a resposta que o Concello de Vigo deu a Analía Méndez a través do titular da concellaría de Participación cidadá, Santos Héctor, cando esta solicitou a súa intermediación para evitar que se execute a orde de despexo que pesa sobre ela e as súas tres crianzas con data do 31 de decembro.

Segundo denuncia a plataforma Stop-despexos de Vigo en conversa con Sermos Galiza, o goberno que lidera Abel Caballero (PSdG-PSOE) "ten dispoñíbel unha bolsa de 40 vivendas baleiras que pretende pór á venda". Porén, "negouse" a ceder unha para Méndez.

Muller, con crianzas e en situación de violencia machista

A historia, máis unha vez, repítese. Analía Méndez é unha muller con tres menores ao cargo e separada da súa parella após intepoñer unha demanda por violencia machista. As conversas co Concello foron recentes, pois a última xuntanza mantívoa a propia Méndez coa asistenta social do goberno municipal na sexta feira 27.

A resposta foi a mesma que xa lle dera o concelleiro: o cheque e axudar coa tramitación das dúas axudas antes citadas. Se a presión social non consegue frear o despexo, a viguesa comezará o ano fóra da súa casa porque a súa situación persoal, explican desde Stop-desafiuzamentos, non lle permite facer fronte ao aluguer e ás facturas. A día de hoxe a débeda contraída pola muller sitúase por volta dos 5.000 euros, após ficar no mes de marzo sen ningunha fonte de ingresos.

A plataforma contra os despexos convocou para esta segunda feira unha concentración perante o portal do edificio onde moran tanto Analía Méndez coma o seu caseiro: o número 51 da rúa Pizarro. Malia a chuvia, a acción de protesto estivo secundada por centos de persoas.