Santiago frea a recollida de produtos para Ucraína porque as ONG "non garanten a súa distribución"

O Pazo de Raxoi iluminado coas cores da bandeira ucraína (Foto: Concello de Santiago)

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento pide que se realicen contribucións económicas e non "en especie".

O Concello de Santiago de Compostela pide á cidadanía que non entregue máis produtos nin alimentos con destino a Ucraína porque "non se pode garantir a correcta distribución dos materiais" nin tan sequera "que cheguen a destino", tal e como lles demandou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento).

O consistorio municipal, a través dunha nota de prensa, indica que o Fondo comunicoulles que as ONG que xestionan a repartición de axudas no terreo "están colapsadas".

Por iso, agradecen "enormemente" as mostras de solidariedade da poboación compostelá, que respondeu "desde o minuto un" coa achega de alimentos e produtos de primeira necesidade, mais destacan que nestes momentos é necesario modificar as formas de colaboración debido ás "dificultades loxísticas" no terreo.

Así mesmo, indicaron as vías de canalización de axudas a ONG e organismos internacionais despregados en Ucraína que lles trasladaron desde a Secretaría de Estado de Cooperación Internacional: a Coordinadora Española de ONGD, Cruz Vermella, a Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas, ACNUR e información da  AECID.

Contribucións económicas

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento pediu á cidadanía que realicen contribucións económicas e non "en especie". Argumenta que os bens doados en especie na Galiza poden "non ser adecuados" ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística en Ucraína.

Ademais, indicaron que supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais como "necesidade de embalaxe, trámites en aduanas ou datas de caducidade", entre outras cousas. A Coordinadora asegurou que resulta "máis práctico" comprar os materiais necesarios sobre o terreo, xa que así "activan a economía e o emprego locais", ou facendo usos de "kits de resposta humanitarios estandarizados".

"A adopción de nenos non é unha opción"

Igualmente, tiveron que lembrar que a "adopción" de nenos non é unha opción e que o primordial é "atendelos no propio terreo" e " reagrupalos" coas súas familias.

Tamén mencionou que a "acollida de persoas refuxiadas" require dunha serie de procesos para garantir que non se vulneran os dereitos das persoas, que reciben a atención legal necesaria e que son conscientes de "onde se dirixen" e "cales van ser as condicións á súa chegada".