O Concello de Santiago espera contar con "reforzos" de antidisturbios fronte aos botellóns

Captura de pantalla dun dos vídeos que circulou polas redes sobre as cargas da pasada quinta feria

 Após as cargas e disparos de salvas ao aire da semana pasada para ‘disolver’ os centos de mozos concentrados diante dunha discoteca da capital.

O Concello de Santiago solicitará á Delegación do Goberno a colaboración dos antidisturbios da Policía Nacional con "carácter disuasorio" contra botellóns e concentracións nocturnas. "Conto con ter reforzos esta quinta feira", dixo o alcalde,Sánchez Bugallo.

Co obxectivo de concretar este dispositivo, avanzou que haberá nos próximos días unha reunión entre o concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Na rolda de prensa posterior á xunta de Goberno local desta segunda feira, o rexedor compostelán manifestou a "enorme preocupación polo problema de convivencia" que afirma que xeran estes episodios. O máis grave ocorreu na noite da quinta á sexta da pasada semana, na que se produciron cargas policiais para disolver un botellón con 2.000 mozos á saída dunha discoteca.

Con todo, Bugallo sinalou que non é un asunto "excepcional de Santiago", senón que outras cidades, entre as que mencionou Madrid ou Barcelona, teñen "problemas de magnitudes moito maiores".

Tras as críticas da oposición á xestión destes incidentes por parte do Goberno municipal, recoñeceu que hai que "mellorar" e "aprender de cada unha das experiencias". Pero tamén sinalou que os efectivos da Policía Local son "moi limitados":

Pola súa banda, o PP mostrou o seu "apoio" aos policías nestes días "desagradábeis" e "un tanto difíciles". Así mesmo, o seu portavoz municipal, Alejandro Sánchez-Brunete, reclamou para os veciños das zonas afectadas un "resarcimento económico" que pode chegar en forma de responsabilidade patrimonial do Concello ou por "bonificacións" ao IBI.